Pestanas principais

O Delas Fest presenta o cartel da súa cuarta edición

Xoves, 02 de xuño de 2022

O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest, volve erguer os pinceis. Entre o 6 e o 21 de xuño, o proxecto organizado por 7H Cooperativa Cultural, celebra na comarca de Compostela a súa cuarta edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio como sinais de identidade. As artistas urbanas Mariana Santos, Ceciro, Udatxo e Nana serán as encargadas de realizar os catro novos murais do festival feminista de arte urbana e contextual. A artista visual uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone, coñecida como Ceciro, creará unha peza na antiga escola unitaria de Firmistáns, entre o 9 e o 14 de xuño. Ademais, o domingo 12 impartirase un obradoiro gratuíto de pintura mural dirixido pola equipa de 7H Cooperativa Cultural.

Consolidado como unha das citas de referencia no circuíto galego grazas ao apoio da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Gadis e ALRO Maquinaria, así como á colaboración de Cafés Candelas, Fogar do Santiso e Daveiga, o festival continúa a apostar pola visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas fronte á discriminación e estereotipos de xénero aínda existentes no sector.

Co espírito intacto, este ano o proxecto presenta un novidoso formato. Trala edición inaugural, desenvolta nunha única semana, e as edicións de 2020 e 2021, realizadas ao longo dun mes, este ano a proposta tenta combinar o mellor de ambas as dúas experiencias para dotar dunha nova configuración á programación. As actividades, que volverán estar integradas por catro intervencións artísticas, obradoiros de creación e xuntanzas de convivencia entre veciñanza e creadoras, realizaranse en simultáneo en dous municipios á vez.

Esta mañá o Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación da cuarta edición do Delas Fest. No acto de presentación estiveron Luísa Feijóo,  concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ames; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela; Rubén Prol, concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela; Sandy Cebral, concelleira de Biblioteca, Cultura, Deportes, Actividades Extraescolares e Música do Concello de Brión; e Sara Alonso de 7H Cooperativa Cultural.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ames, Luísa Feijóo, quixo salientar “a importancia deste festival como unha cita, xa consolidada, coa arte urbana con perspectiva de xénero, que nos deixa ano tras ano un patrimonio de gran valor, tanto pola calidade das artistas como por todo o traballo contextual e social que o sustenta, e que segue a poñer en valor o papel das mulleres na arte urbana como unha arte feminista e segura”.

Catro novos murais de gran formato
O cartel, novamente integrado unicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo na rúa desde unha perspectiva feminista, combina a presenza de artistas galegas con nomes do panorama estatal e internacional.  

As encargadas de realizar as obras de gran formato este ano son a muralista e artista plástica portuguesa Mariana Duarte Santos (Lisboa, 1995), quen pintará no barrio de Amio, en Compostela, entre o 7 e o 12 de xuño; a artista visual uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone (Paysandú, 1982), coñecida como Ceciro, quen creará unha peza na antiga escola unitaria de Firmistáns, en Ames, entre o 9 e o 14 de xuño; a muralista vasca Udane Juaristi (Azkoitia, 1985), coñecida como Udatxo, quen levará a arte urbana á Casa Común de Francos, en Teo, entre o 14 e o 19 de xuño; e a artista urbana galega Nana (Santiago de Compostela, 1983), quen creará unha peza na Piscina Municipal de Brión entre o 16 e o 21 de xuño.

Para definir as temáticas e enfoques das súas obras, as convidadas contan coa colaboración da comunidade, que volverá ter un rol destacado nos procesos creativos. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer ás artistas e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren as súas intervencións, converténdoas en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.

Actividades de creación para diferentes públicos
De forma paralela ás intervencións de gran formato, o festival ofrece ás veciñas dos concellos participantes a posibilidade de experimentar, adquirir e perfeccionar técnicas e habilidades a través de tres obradoiros gratuítos de pintura mural dirixidos por artistas profesionais. A guardesa Tamara Baz Alonso (1985) impartirá un taller de muralismo con spray para público especializado en Compostela o sábado 11 de xuño, a equipa de 7H Cooperativa Cultural encargarase do obradoiro de iniciación nesta técnica, que se celebrará no concello de Ames o domingo 12, e a artista visual uruguaia Fitz Licuado (1986) dirixirá o obradoiro de muralismo con pintura plástica para artistas e estudantes de arte, que se celebrara en Teo, o 18 e o 19 de xuño.

Estrea do documental Street Heroines
Grazas á colaboración de Montana Colors, fábrica catalá de pintura en spray patrocinadora do festival, Compostela acollerá a estrea en Galicia da longametraxe documental Street Heroines, dirixido pola realizadora norteamericana Alexandra Henry. O filme, gañador do Premio do Xurado ao Mellor Documental no Festival de Cine de Portland, entre outros galardóns, celebra o valor das mulleres que, malia o sexismo e a falta de recoñecemento, formaron parte do movemento do graffiti e da arte urbana desde os seus comezos. A proxección e posterior coloquio coa directora terá lugar o 20 de xuño no Auditorio de Galicia con entrada de balde.

Para dispor de máis información de datas, horarios e localizacións de cada unha das actividades pódese visitar a páxina web de 7H Cooperativa Cultural ou escribir ao enderezo de correo electónico: 7hcoop@7hcoop.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cuatro artistas interpretan el territorio en los nuevos murales del Delas Fest en Santiago, Ames, Brión y Teo"

El Correo Gallego: "Dous murais decorarán A Maía ca perspectiva de xénero do Delas Fest"

Enfoques: "El Delas Fest llenará de arte, color y reivindicación los muros de Ames, Santiago, Brión y Teo"

Enfoques: "El Delas Fest deja un mural en la antigua escuela unitaria de Firmistáns, en Ames"

Imaxe da presentación da cuarta edición do Delas Fest

Multimedia

  • Cartaz da cuarta edición do Delas Fest