Pestanas principais

O Delas Fest regresa a Ames na súa terceira edición

Xoves, 15 de xullo de 2021

A artista visual Doa Oa realizará unha intervención artística nas paredes da Casa de Barbazán,  na rúa travesía de Lodeiro en Bertamiráns entre o 15 e o 18 de xullo. Ademais, 7H Cooperativa Cultural impartirá dous obradoiros de introdución ao muralismo no Paseo Fluvial Bertamiráns o sábado 17 e o domingo 18 de xullo, de 10.00 a 15.00 horas. Para asistir, é necesario inscribirse a través desta ligazón.

O Concello de Ames acolle por terceiro ano consecutivo a programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Até o vindeiro domingo 18 de xullo, o proxecto impulsado por 7H Cooperativa Cultural leva ao territorio amesán diferentes actividades orientadas a democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que traballan no espazo público.

Tralo seu paso polos concellos de Brión e Teo, onde Susana Blasco e Marina Capdevila deixaron cadansúa pegada na galería ao aire libre promovida polo festival, chega a quenda da artista visual Doa Ocampo Álvarez (Sober, 1986), coñecida artisticamente como Doa Oa, quen realizará ao longo desta semana un mural con pintura plástica nas paredes da Casa de Barbazán,  na rúa travesía de Lodeiro en Bertamiráns. A obra enmárcase no seu proxecto “Reforestando”, unha iniciativa de intervención no espazo público que procura devolver ao mundo vexetal espazos que lle foron arrebatados e, á vez, osixenar localizacións urbanizadas ou afectadas polo impacto do ser humano con intervencións artísticas protagonizadas por motivos naturais.  No caso da peza que asinará an Ames, a creadora luguesa, inspirouse na información sobre plantas silvestres e comestibles da contorna que lle facilitou a veciñanza do municipio implicada na convocatoria “Anfitriónate”, lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local.

Ademais, a localidade de Bertamiráns acollerá na fin de semana o terceiro dos catro obradoiros formativo-experimentais en arte urbana que se ofrecen de balde no marco do festival. A equipa artística de 7H Cooperativa Cultural será a encargada de impartir o taller de iniciación á pintura mural, que se desenvolverá o sábado e o domingo en horario de mañá na zona do Paseo Fluvial.

Grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo, dos patrocinios de Montana Colors, Ibersa, Gadis, E.nova Enerxía e da Fundación Finanzas Éticas, o proxecto creado en 2019 pola cooperativa 7H mantén a aposta por construír espazos de creación e experimentación artística desde unha perspectiva feminista e contextual. A próxima semana, a terceira edición chegará á súa recta final en Compostela, onde a artista visual Lily Brick (Lleida, 1990) pechará a programación cunha intervención a spray no barrio de Pontepedriña.

Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social asegura que: “Un festival pioneiro que ten por obxectivos propiciar a difusión de creacións culturais e artísticas ligadas á cultura urbana en Galicia dun xeito contextual e participativo   o tempo que se lle da visibilidade á presenza da muller na cultura urbana poñendo de manifesto e intentando rachar cas desigualdades de xénero neste campo”.

Doa Oa en Bertamiráns

Multimedia

  • Doa Oa en Bertamiráns
  • Doa Oa en Bertamiráns
  • Doa Oa en Bertamiráns
  • Intervención de Doa Oa no Mural Fest, Kosovo, 2020
  • Intervención de Doa Oa en Buñol, 2017
  • Intervención de Doa Oa no festival Asalto en Alfamén, 2017