Pestanas principais

O delegado territorial da Xunta na Coruña e o alcalde de Ames visitan os obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión

Luns, 13 de febreiro de 2017

[13-02-2017] Esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou xunto co alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e os concelleiros do grupo municipal popular, Javier Olmo e Roberto Martínez, ás instalación do Centro de Formación de Aldea Nova onde se está impartindo o obradoiro de emprego RenovAmes-Brión. Tamén estiveron na praza da Maía, en Bertamiráns, para ver de primeira man os traballos de mellora da accesibilidade que está realizando o alumnado que participa no obradoiro de emprego Accede. Estes obradoiros, que contan cunha duración de seis meses, rematan a finais de febreiro e principios de marzo.


En primeiro lugar, tanto o delegado territorial da Xunta na Coruña coma as autoridades municipais estiveron no Centro de formación do Concello de Ames, que está situado na urbanización de Aldea Nova. Neste lugar puideron estar co alumnado e os profesores do obradoiro de emprego RenovAmes, que nestes intres están facendo a instalación de sistemas de auga quente sanitaria e calefacción, que poderían existir en calquera vivenda tipo, a través de caldeiras de gasoil, butano ou biomasa.

De seguido, achegáronse ata a praza da Maía, en Bertamiráns, onde se están realizando diferentes actuacións de retirada de barreiras arquitectónicas que delimitan a praza. Neste lugar xa se procedeu ao levantado dos bordos que delimitaban o acceso a dito espazo público. Na actualidade estase realizando a redución das illas centrais e a conexión da praza coa beirarrúa da avenida da Maia.

Durante a visita o alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “dende o goberno municipal queremos seguir nesta mesma liña de traballo e contar con novos obradoiros de emprego para poder seguir formando á veciñanza de Ames co obxectivo de que melloren a súa cualificación e dispoñan de maiores posibilidades para atopar un traballo estable. Estes obradoiros están a piques de rematar, pero dende o Concello seguimos ofrecendo asesoramento ao alumnado que así o precise e ogalla teñades sorte para atopar un traballo neste eido no que vos estivestes formando durante os últimos meses”.

Por outra banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que “a Xunta de Galicia está desenvolvendo 24 obradoiros de emprego en toda a provincia da Coruña, nos que están participando un total de 600 persoas. Para estes obradoiros a Xunta achegoulles aos Concellos de Ames e Brión uns 310.000 euros”. Rodeiro tamén salientou que “de cara a vindeira convocatoria 2017-2018 a Xunta vai incrementar a duración deste obradoiros pasando de 6 a 9 meses de formación en sectores que xeran emprego”.

Nestes intres estanse desenvolvendo dous obradoiros de emprego co cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Estes obradoiros contan con financiamento da Xunta de Galicia, co apoio financeiro da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

O RenovAmes-Brión conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal de dirección, docente e administrativo. A través deste obradoiro estanse realizando traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión. O outro obradoiro de emprego que se está desenvolvendo na actualidade é o proxecto denominado Accede no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo de dirección, docente e administrativo. Neste caso este proxecto está dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La Xunta invierte más de 310.000 euros en un taller de empleo en mantenimiento y albañilería en Ames y Brión"
El Correo Gallego: "Rodeiro recuerda la inversión de la Xunta en los obradoiros amaianos"