Pestanas principais

O departamento de Medio Ambiente lanza unha nova campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas

Domingo, 02 de xuño de 2024

“NON é culpable” é o motivo escollido pola Concellaría de Xestión do Medio Rural amesá para unha nova campaña de sensibilización, que chega ante as numerosas queixas recibidas sobre as molestias causadas polos excrementos de cans. O abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais. A campaña difundirase por redes sociais, colocaranse carteis en zonas de lecer e parques, e colaborarase coa Policía Local para que reforce a vixilancia neste eido, podendo aplicar sancións dos 500 aos 10.000 euros.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames, a través do departamento de Medio Ambiente, busca chamar a atención ás persoas propietarias de mascotas, en especial cans, para que sexan conscientes do impacto que xeran os excrementos abandonados nas vías públicas, tanto nas relacións entre a veciñanza e os donos e donas de cans como na calidade de vida no concello.

A posta en marcha desta campaña de sensibilización ven acompañada dun reforzo da colaboración coa Policía Local amesá, que reforzará a súa vixilancia neste eido,  podendo aplicar sancións dos 500 aos 10.000 euros

O concelleiro de Xestión de Medio Rural, Javier Antelo, explica que esta campaña “xorde a partir das reiteradas denuncias que recibimos por parte da veciñanza de Bertamiráns e do Milladoiro, así como dalgunhas urbanizacións, dos problemas que supoñen os excrementos nas zonas públicas”. Deste xeito, desde a súa Concellería impulsase esta campaña para “poñer o foco nos propietarios de animais que actúan de xeito incívico que, aínda que son poucos, provocan numerosas molestias entre a veciñanza e nos espazos públicos”.

“NON é culpable”
O abandono de excrementos nos espazos públicos ten consecuencias moito máis amplas do que pode aparentar, xa que non realizar este pequeno xesto de civismo pode afectar á saúde pública, xerar contaminación e dar lugar a problemas hixiénicos e de seguridade.

Falsas crenzas como pensar que as dexeccións das mascotas poden servir como abono para os espazos verdes converten estas zonas en focos de insalubridade, xa que unha boa parte das enfermidades dos animais domésticos se transmiten polas feces, e desta maneira as persoas quedamos expostas a estes riscos, en especial a cativada, que é a que máis frecuenta estes recintos de ocio.

Os excrementos tamén contaminan as nosas vías, espazos públicos e ecosistemas. Ademais da evidente contaminación visual e olfactiva que causan nos núcleos urbanos, as feces xeran problemas de contaminación acuática, ao entraren en contacto con parte das nosas reservas de auga naturais subterráneas, os acuíferos. Estes problemas de hixiene e de saúde pública súmanse ao risco que poden supoñer ter nas vías públicas as dexeccións de mascotas, que poden causar escorregóns e que dificultan as labores das traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza.

Así mesmo, o Concello de Ames recorda que a tenza de animais de compañía debe realizarse de maneira responsable, tendo en conta en todo o momento que as mascotas son seres vivos, e que necesitan de certos coidados e dun compromiso firme que os seus donos e donas deben estar dispostos a asumir.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Campaña para forzar a la recogida de excrementos caninos en Ames con sanciones de entre 500 y 10.000 euros"

O departamento de Medio Ambiente lanza unha nova campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas

Multimedia

  • O departamento de Medio Ambiente lanza unha nova campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas
  • O departamento de Medio Ambiente lanza unha nova campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas