- Tematica
O departamento de Benestar Social, que dirixe a concelleira Luísa Feijóo, mantivo unha febril actividade desde que se decretou o estado de alarma. Os traballadores das áreas de Sanidade, Servizos Sociais, Promoción da Igualdade, Dependencia, Axuda a domicilio, Migración e Voluntariado traballaron a reo para dar resposta as demandas de atención que foron medrando a medida que avanzou o confinamento. O obxectivo prioritario foron os colectivos máis desfavorecidos. Multiplicouse o contacto coas persoas e as familias vulnerables e creáronse programas para facilitar e axilizar axudas e demandas. A posta en marcha dun Comité de Emerxencia e os programas “É hora de sumar” e “Estamos contigo!” resumen as accións levadas a cabo durante estes meses. Cómpre salientar a colaboración dos voluntarios e voluntarias de Ames que desde o primeiro momento se puxeron a disposición da Concellaría para axudar en todo o que lles foi requirido.
A atención aos maiores e ás persoas soas en situación de vulnerabilidade, facilitándolles o transporte e o acompañamento a médicos, farmacia e compras básicas, o reparto de alimentos e produtos sanitarios, a axuda no fogar, as axudas de emerxencia social, a renda municipal básica e o incremento de liñas de consulta en todas as áreas, constituíron o eixo sobre o que se desenvolveron as accións de Servizos Sociais durante os meses que durou o estado de alarma.
“É hora de sumar”
Nada máis decretarse, a Concellaría de Benestar Social puxo en marcha toda a súa maquinaria para atender as necesidades da cidadanía de Ames, especialmente as dos colectivos máis desfavorecidos. O día 17 de marzo, a web municipal faise eco da campaña “É hora de sumar”, un proxecto de axuda ás persoas maiores e/ou en situación de vulnerabilidade que viven soas. O departamento de voluntariado encárgase de coordinar esta acción na que se inclúe o servizo municipal de transporte adaptado, acompañamento telefónico e servizo de compra e entrega de medicamentos. Cómpre salientar que se realizaron máis de 40 servizos de compra e 88 de farmacia.
Na mesma data, o departamento anuncia que os usuarios e usuarias que o precisen poderán ser atendidos pola psicóloga, que segue escoitando á veciñanza por teléfono e de xeito telemático. Ademais lembra que o CIM, o Centro de Información á Muller, está dispoñible polos mesmos medios, incidindo en que as urxencias seguirán atendéndose de xeito presencial, previa cita telefónica.
Reparto de alimentos e axuda no fogar
Unha semana despois, o 25 de abril, Servizos Sociais continúa centrando os seus esforzos en garantir a atención das necesidades básicas da poboación máis vulnerable e decide intensificar o reparto de alimentos do Banco Municipal. Pon especial fincapé no caso de familias con menores a cargo. Repartíronse alimentos procedentes do FEAD, de diferentes doazóns de empresas e particulares e do FOGGA. O Concello aportou tamén para este fin fondos propios que serviron para mercar preto de 1.200 quilos de alimentos. Co obxectivo de garantir unha mellor prestación ás familias e facer unha optimización dos recursos dispoñibles, o departamento traballa en coordinación con Cáritas, Fundación Secretariado Xitano e Médicos do Mundo.
Co gallo de garantir unha alimentación variada e saudable, tamén se puxo e en marcha o reparto de cestas saudables, das que se beneficiaron un total de 760 persoas. En total repartíronse preto de 28.000 quilos de alimentos non perecedoiros, froita, polo e peixe.
Nas mesmas datas, Benestar Social reconfigura o departamento de Axuda no Fogar para adaptalo ás circunstancias concretas de cada usuario/a, segue dando de alta a novos e novas usuarias, fai seguimento dos casos de renuncia temporal voluntaria para garantir que as prestacións e os coidados por parte dos familiares son os idóneos e mantén o servizo prestando especial atención á cobertura das necesidades básicas esenciais: aseo, coidado persoal, vestido, alimentación... Ademais pon a disposición das auxiliares de Axuda no Fogar luvas, xel e máscaras co obxectivo de que poidan desenvolver os seus cometidos nas mellores condicións de seguridade.
Comité de emerxencia e Renda municipal básica
A situación de alarma sanitaria vén aparellada dunha situación de alarma económica que deriva en graves consecuencias sociais. A aquelas familias en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión que xa se viñan atendendo os Servizos Sociais, súmanse agora outras moitas que xa estaban nunha situación límite e que, coas medidas tomadas pola crise do Covid-19, ven desaparecer os seus escasos ingresos.
Co obxectivo de dar cobertura a todas estas demandas de primeira necesidade e de realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes liñas de axuda municipais, créase nos primeiros días de abril o “Comité de Emerxencia Social, conformado por o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, e os voceiros e voceiras dos diferentes grupos que conforman o goberno municipal. A partires dese momento, o Comité reunirase unha vez á semana.
O 15 de abril, o Comité de Emerxencia Social celebra a súa segunda xuntanza na que constata que continúa o incremento de usuarios/as e necesidades de emerxencia social. Na reunión apróbase a instrución sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a Renda municipal básica. Esta instrución facilitará os trámites necesarios para obter estas axudas e axilizará a revisión da documentación.
A proposta de instrución recolle, en canto á tramitación dos procedementos de renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que se garantirá a elaboración e pagamento das prestacións económicas nos prazos establecidos. Así mesmo procurarase, tendo en conta os medios persoais e técnicos, resolver os expedientes que estean completos e as renovacións e modificacións que sexan posibles, así como tramitar novas solicitudes, sempre e cando o autorice a persoa solicitante. Ademais, en canto aos requirimentos de documentación que fosen necesarios, e dentro dos límites permitidos pola normativa aplicable, aplicarase o criterio de flexibilidade, permitindo a achega de documentación por correo electrónico, ou por calquera outro medio que permita a verificación da información necesaria.
Estamos contigo!
O 4 de maio, Benestar Social pon en marcha a campaña “Estamos contigo”, co fin de atender ás persoas máis vulnerables e de facilitar á veciñanza amesá información sobre axudas e trámites. A campaña ofrece tamén á veciñanza a posibilidade de consultar calquera dúbida derivada da situación de crise. Habilítanse liñas de teléfono gratuítas en Bertamiráns e no Milladoiro e contrátase unha traballadora social de reforzo para o desenvolvemento da campaña. Ser dilixentes e poder dar respostas inmediatas a inxente cantidade de problemas que van xurdindo a medida que avanzan as semanas de confinamento, é o obxectivo global de “Estamos contigo”.
As usuarias e usuarios dos servizos sociais responden á campaña a través dos servizos de asesoría xurídica que resolve dúbidas en materia de vivenda (axudas, alugueiro, hipotecas, desafiuzamentos) estranxeiría (documentación, acceso á sanidade) familia (tutelas, curatelas, separacións, divorcios, pensións alimenticias) pensións e prestacións (maternidade, paternidade, incapacidade, baixas laborais, permisos) e xestión de débedas, tanto con organismos públicos como particulares. Ademais o departamento desenvolve outras medidas para dar resposta as graves situacións persoais que aparella a crise, abre o prazo de convocatoria das axudas ás familias numerosas, acompaña na tramitación de axudas autonómicas, ofrece información sobre axudas estatais e mantén activo para emerxencias o roupeiro municipal. Cómpre salientar que este servizo tamén recolle roupa e aveños para facer fronte as necesidades da poboación vulnerable desde o día 11 de maio.
Ames Saudable virtual
Previa a crise do coronavirus, o departamento que dirixe Luísa Feijóo, xa mantiña unha intensa actividade de promoción da saúde, a través do programa “Ames Saudable”. A alimentación sa, o exercicio físico, as actividades dirixidas ao envellecemento activo e a prevención de condutas aditivas eran os eixos sobre os que xa se sustentaba o programa.
Coa pandemia tiveron que eliminarse os talleres e as marchas saudables. Porén, lonxe de apagarse, o programa intensificou a súa actividade e o seu apoio á veciñanza a través das redes. O obxectivo púxose en ofrecer recursos para levar o confinamento do xeito mais activo e sa posible, atendendo tanto á saúde física como a saúde emocional das cidadás e dos cidadáns. Así naceu “Ames Saudable Virtual” que ofreceu durante todo o estado de alarma consellos psicolóxicos para afrontar o confinamento, clases de diversas disciplinas físicas, como ioga ou baile, consellos de prevención para paliar o uso excesivo de hidroxeles e máscaras, e unha importante escolma de receitas saudables.
Voluntariado
Cómpre salientar tamén o labor do voluntariado de Ames durante todo este tempo. Foron moitos os voluntarios e voluntarias que se ofreceron para colaborar en todo aquilo que o departamento necesitase. Coordinados pola Oficina de Voluntariado, eles repartiron máscaras entre a poboación vulnerable, fotocopiaron e entregaron material escolar ao alumnado sen recursos, achegaron cadernos de estimulación cognitiva aos maiores. A actividade do roupeiro municipal que atendeu as demandas urxentes da poboación con menos recursos non tería sido posible sen o seu traballo.
Ademais, a cidadanía de Ames respondeu activamente ao proxecto “Ponlle fin a fenda dixital”. O departamento fixo un chamamento á cidadanía para que lle dese unha segunda vida a equipos dixitais en desuso co obxectivo de facilitar a moitos rapaces e rapazas o desenvolvemento da súa actividade escolar en igualdade de condiciona.
A concelleira Luísa Feijóo, que dirixe as áreas de Sanidade, Servizos sociais, Promoción da Igualdade, Dependencia, Axuda a domicilio, Migración e Voluntariado, agradece “a implicación e o esforzo de todo o persoal durante estes tempo, un gran equipo no humano e profesional do que cada día me sinto mais orgullosa”. Luísa salienta o compañeirismo, a solidariedade. Di que ela e os traballadores e traballadoras do departamento saíron reforzados como grupo, como equipo e sobre todo como persoas “foron meses complicados de moito traballo, de aprender día a día, de adaptarnos a nova situación que requiría a cotío novos procedementos, novas formas de afrontar necesidades, días de medos e inseguridades pero sobre todo de satisfacción polo traballo realizado”.
Agradece tamén Luísa Feijóo “as innumerables mostras de apoio e o ofrecemento de colaboración por parte da veciñanza, de empresas, de traballadores e traballadoras de outros departamentos, das voluntarias e voluntarios e das doazóns da veciñanza”. Ademais, pide desculpas “por se nalgún momento non puideron atender algunha demanda ou petición: “Foron meses duros, meses complicados que fomos superando gracias o esforzo e a implicación dos que formamos parte desta "familia".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Víveres e acompañamento dende Ames pola pandemia"