Pestanas principais

O departamento de urbanismo pon en marcha medidas encamiñadas a axilizar xestións e mellorar o contacto coa cidadanía

Xoves, 27 de agosto de 2015

[27-08-2015] Ampliar o horario de atención cidadá e reducir o tempo de tramitación de expedientes coa creación dun Rexistro específico nas propias dependencias do departamento son algunhas das medidas que a concellaría de Urbanismo porá en marcha a partir do mes de setembro co obxectivo de axilizar xestións, mellorar a información e o contacto coa cidadanía e poñer en valor a importancia desta área no desenvolvemento de Ames. Cómpre salientar entre as novas disposicións o feito de que o concelleiro de urbanismo, Blas García, atenderá ao público nas dependencias do departamento, fixando unha axenda específica de atención cidadán, medida que supón unha novidade absoluta no funcionamento da área.

O departamento de Urbanismo do Concello de Ames estará máis cerca do cidadán a partir do mes de setembro para o que esta preparando unha serie de medidas encamiñadas á axilización de trámites e a mellora da información e o contacto coa cidadanía.

A primeira destas medidas consiste na creación nas dependencias de urbanismo dun rexistro específico. Ata de agora calquera escrito que tivera como destinatario ao departamento, tiña que presentarse en primeira instacia no Rexistro Xeral do Concello para despois derivalo ao departamento. Esta medida reducirá o tempo de tramitación de licencias e demais actuacións do departamento, de xeito que ao presentar directamente a documentación nas dependencias de Urbanismo se informará directamente aos usuarios e usuarias da documentación necesaria que debe presentar e dos modelos oficiais necesarios para a tramitación de cada expediente. Os responsables de Urbanismo calculan que con esta medida se poden acelerar os expedientes entre 3 e 10 días.

Outra das medidas que se van a tomar é a da ampliación do horario de atención ao público. Ata o de agora os técnicos de urbanismo, a arquitecta e os aparelladores/as, atendían á cidadanía dous días á semana. A partir do mes de setembro ampliarase nun día máis a atención ao público.

Presenza do concelleiro nas dependencias de Urbanismo
Cómpre salientar entre as novas medidas que o concelleiro de Urbanismo atenderá ao público de xeito fixo e habitual nas dependencias do departamento, circunstancia que ata de agora non era habitual no Concello de Ames. Para elo, o concelleiro-delegado fixará unha axenda específica de atención cidadá. Estas citas coa veciñanza levaranse a cabo no propio departamento de Urbanismo. “Somos conscientes de que a labor deste departamento é en ocasións escura e ás veces ata desagradable, porque son os responsables de velar pola legalidade urbanística do concello e porque teñen que aplicar a normativa e a lexislación vixente, pero esa función é fundamental e clave para que se respecte unha planificación harmónica e un desenvolvemento sostible”, declara o concelleiro de Urbanismo Blas García, quen tamén indica que “Urbanismo vai a ser un departamento clave para este Goberno, e imos a dotalo dos medios necesarios e da atención oportuna para que abandone o desamparao ao que o someteu o anterior goberno”.

Polo departamento de Urbanismo pasan todo tipo de licencias de obras, maiores e menores, licencias de actividades de negocios e empresas, licencias das festas e a xestión do PXOM. Na actualidade o departamento está composto por: unha arquitecta, dous aparelladores, tres asesores xurídicos,  catro administrativos e un vixiante de obras. O departamento conta ademais coa colaboración da Policía Local para notificacións, denuncias e infraccións.

Cómpre salientar que previamente ás medidas que se poñerán en funcionamento no mes de setembro, durante os primeiros meses deste goberno se creou unha bolsa de asesores xurídicos para cubrir as baixas existentes e que se contrataron dous novos asesores xurídicos para cubrir unha baixa e unha redución de xornada. Todas as medidas responden, Segundo Blas García, “a necesidade de poñer en valor a importancia deste departamento para o concello, xa que o seu bo e áxil funcionamento permite un mellor desenvolvemento de Ames”.

Contido relacionado


"Urbanismo de Ames prevé agilizar las gestiones y va a acortar los trámites"
"Ames acelerará a tramitación de licencias urbanísticas cun rexistro específico"