Pestanas principais

O departamento de Xuventude pon en marcha unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos de Ames

Domingo, 12 de xaneiro de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Concello de Ames. Desta volta, as clases desenvolveranse os luns e mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, en ambas localidades con horario de 16.30 a 19.45 horas.

O departamento de Xuventude organiza, un ano máis, o programa de reforzo educativo para o alumnado de 1º e 2º da ESO dos centros de secundaria de Ames. A iniciativa, que xa leva máis dunha década en funcionamento, ten como obxectivo axudar ao alumnado no cambio e adaptación da educación primaria á secundaria, para prever así situacións relacionadas co fracaso ou o abandono escolar.

Deste xeito, entre os meses de xaneiro e xuño, os departamentos de orientación educativa dos institutos e o departamento municipal de Xuventude póñense en contacto para colaborar e poñer a disposición dos alumnos e alumnas que o necesiten esta ferramenta de apoio educativo. Pódese descargar o folleto de inscrición na seguinte ligazón.

As clases comezarán este luns 13 de xaneiro, desenvolvéndose os luns e mércores na Casa da Cultura do Milladoiro e os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, e impartiranse un total de seis horas de clases de apoio para o alumnado de cada centro educativo, facendo así un total de doce horas á semana. Na edición deste ano poderán participar ata 48 mozos e mozas matriculados en 1º e 2º da ESO, etapa na que máis se demanda este apoio na formación educativa.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, subliñou que “como cada ano, dende o Concello de Ames ofrecemos este programa de reforzo educativo que pretende axudar aos mozos e mozas deste concello no ámbito educativo”.

Metodoloxía do programa
Durante estas horas de reforzo, o alumnado participante está dividido tanto por cursos como por áreas formativas. A metodoloxía do programa consiste en traballar a comprensión das ideas adquiridas na clase a través da práctica do temario xa impartido. Desta forma, o alumnado reforza as posibles lagoas de coñecemento, repasando contidos concretos que xa foron explicados con anterioridade nas aulas.

Por outra banda, estas horas de clases ‘extra’ facilitan a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan aos estudantes atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos. Os propios departamentos de orientación dos IES de Ames e do IES do Milladoiro son os encargados de derivar aos alumnos e alumnas que, polas súas circunstancias, sexan candidatos a participar e sacar así o máximo proveito desta iniciativa. A inscrición debe entregarse nos departamentos de orientación de cada centro educativo.

O departamento de Xuventude pon en marcha unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos de Ames