[27-01-2017] Mestres/as, familias e alumnado únense o día 30 de xaneiro na primeira carreira solidaria que o CEIP de Barouta organiza con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia. Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz” o colexio pretende implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadarán recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. Esta iniciativa conta co patrocinio e a colaboración de diversas organizacións e entidades tanto públicas coma privadas.
O CEIP de Barouta e mailo Concello de Ames colaboran na organización da primeira edición da carreira solidaria, que se desenvolverá este luns, 30 de xaneiro, ás 12:00 horas, nas instalación de dito colexio. Esta carreira organízase con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia. As inscricións poderanse realizar ese mesmo día antes da carreira. A través desta iniciativa trátase de implicar a mestres, alumnos/s e pais e nais co obxectivo de recadar recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames.
Dende a Concellaría de Servizos Sociais indican que na medida do posible as persoas asistentes doen aceite, azucre e cacao en po, aínda que serán aceptados todo tipo de produtos non perecedoiros. Unha vez remate esta iniciativa entregaranse os alimentos ao Concello para se encargue da súa distribución. Dende o CEIP de Barouta sinalan que “estamos moi agradecidos a todas as persoas que estades colaborando entregando as vosas achegas para o Banco Municipal de Alimentos e máis ás entidades que tamén vos implicastes nesta iniciativa”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Carrera solidaria en Ames para recaudar fondos para el banco de alimentos"