Pestanas principais

O domingo 11 de xuño celebrarase a clausura do programa Amessan 2022-2023

Martes, 06 de xuño de 2023

O vindeiro domingo, 11 de xuño, celebrarase na praia fluvial de Tapia a clausura do programa Amessan 2022-2023. Os participantes desta iniciativa de ocio saudable, xente maior de 60 anos de Ames, gozarán dun xantar popular, dunha foliada, de obradoiros, un bingo e máis actividades. A xornada contará coa actuación de Luis Rey, e os participantes poderán mostrar o aprendido ao longo de todo o ano. 

O programa Amessan, dirixido a persoas de 60 anos en diante, é unha iniciativa de envellecemento activo conformada arredor de obradoiros e ocio saudable. As actividades deste programa inclúen cursos de estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica, música tradicional galega, bailoterapia ou manualidades, pensados para coidar a saúde mental e física das persoas maiores de Ames.

Este ano, como novidade, houbo actividades de guitarra e creouse un coro musical. Os distintos cursos impartíronse en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca.

Ao longo do curso, o Amessán celebra diferentes eventos especiais, que se suman ás actividades habituais do programa. Deste xeito, ao longo deste período 2022-2023, celebrouse unha foliada de Nadal e unha festa de Entroido.

Na liña destas celebracións eventuais, e coa chegada do verán e o remate desta edición do programa, o Amessán celebrará o vindeiro domingo, 11 de xuño, unha festa de clausura. A xuntanza terá lugar a partir das 12:00 horas na praia fluvial de Tapia. En caso de choiva, trasladaranse as actividades ao CEIP Agro do Muíño.

Os asistentes poderán gozar dun xantar popular, por conta propia, dunha foliada; obradoiros; bingo e máis actividades. Para rematar, haberá unha actuación a cargo de Luis Rey.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Amessan invita a su fiesta a más de 700 veteranos con hambre de ocio"

Cartaz da clausura das actividades do Amessan

Multimedia

  • Cartaz da clausura das actividades do Amessan