- Tematica
O proxecto Enreguéifate ultima os preparativos para clausurar esta oitava edición co certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de marzo de 2025. Para anotarse é preciso enviar un ou máis vídeos, cunha duración máxima de 3 minutos, nos que aparezan cando menos 2 persoas regueifando sobre un tema libre. As bases completas poden consultarse na páxina web do certame, a través da cal tamén pode facerse a inscrición. Os servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega.
Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta nova edición conta con dúas categorías: xeral, para calquera persoa, e escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, ademais dos xa tradicionais galardóns para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá premios para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira.
Os regueipremios entregaranse nunha gala que se celebrará o luns, 19 de maio de 2025 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Unha cita que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta e que reunirá preto dun milleiro de escolares de toda Galicia, alumnado de centros educativos de Euskadi e público xeral.
O proxecto Enreguéifate vén de realizar nesta edición máis de 90 obradoiros de improvisación oral da man de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón, nunha trintena de centros dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Os obradoiros foron enfocados tanto ao alumnado como ao profesorado, co obxectivo de incentivar o emprego da regueifa como ferramenta didáctica nas aulas.
Por unha banda, para enriquecer a práctica educativa e o desenvolvemento cultural, emocional e colectivo do alumnado, e por outra, especialmente, para promover a normalización da nosa lingua, sendo o ámbito educativo e cultural claves para manter vivo o galego entre as novas xeracións.