Pestanas principais

O espazo de coworking A Proa organiza para o 29 de marzo un taller sobre produción de documentais

Sábado, 11 de marzo de 2023

O espazo de cowoking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro mércores 29 de marzo o taller “Produción de documentais: o caso de Entroidar”, unha sesión que versará sobre os elementos necesarios para crear documentais, dirixida por Andrés Rozados, creativo e produtor audiovisual. Terá lugar ás 11:30 horas, no local do centro A Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

O obradoiro “Produción de documentais: o caso de Entroidar” consistirá nunha exposición de 30 minutos na que se abordarán os seguintes puntos sobre a produción documental: a idea, o público e destino desa idea, o orzamento e plan de financiamento, a importancia dos protagonistas, a contorna e a sensibilidade e o proceso e o fin. Posteriormente proxectarase o Entroidar, un documental sobre o Entroido de Laza que ten unha duración de 70 minutos, e cuxo director de produción foi Andrés Rozados, relator do taller. Así mesmo, haberá un tempo de rogos e preguntas.

Rozados, que dirixirá o obradoiro, é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, e conta cun posgrao en Comercialización Internacional en Contidos Audiovisuais. Creou a súa propia produtora audiovisual, Abella Creativa, que codirixe xunto a Olalla Diéguez. Ao longo da súa carreira ten exercido como director de produción de documentais como Castelao: de chumbo a verba, ou de curtametraxes como Feminazi, de Diana López Varela.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o centro de coworking A Proa está a organizar un novo taller para emprendedores, que vai ter lugar o mércores 29 de marzo. Nesta ocasión contarase coa participación de Andrés Rozados, que será o encargado de expoñer aos asistentes como é o proceso de creación de documentais, fomentando o seu espírito creativo e resolvendo as dúbidas que poidan xurdir”.

A Proa, un espazo colaborativo no Milladoiro

A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

O local está situado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Para obter máis información pódese consultar a súa páxina web.

Cartaz do taller da Proa organizado para o 29 de marzo