[25-09-2018] O grupo de monicreques A xanela do Maxín aterra na Casa da Cultura de Bertamiráns este venres, 28 de setembro, para achegarlle ás nenas e nenos de Ames o espectáculo “As aventuras de Gale”. A partir das 18.00 horas, farase un percorrido pola historia do galego ao longo dos séculos. Os convites para o espectáculo, que é gratuíto, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.
Este venres, 28 de setembro, ás 18.00 horas, Gale conducirá aos cativos e cativas a través da súa historia, que comeza moitos séculos atrás. Así, ao longo de 55 minutos, a protagonista mostrará, a través das súas aventuras e desventuras, a súa situación en distintos momentos da Historia e como se encontra na actualidade.
Asemade, Gale tamén lles mostrará aos máis pequenos/as a gran riqueza que supón contar con música, literatura e arte en galego; e mesmo lles pedirá axuda para repartir o seu tesouro máis prezado, compostos por palabras, expresións, refráns e outros tantos aspectos da súa rica cultura.
Este espectáculo, dirixido e interpretado por Celtia Figueiras, está dirixido a un público familiar. Nel mesturase a técnica de sombras e monicreques de luva con música ao vivo, interpretada por Luís Vallecillo como voz e guitarra, e Mariajo Pámpano ao violín. O guión, pola súa parte, foi elaborado por Pepe Carreiro, Séchu Sende e Celtia Figueiras, mentres que Fernando Martínez de Vega se ocupa da iluminación.