Pestanas principais

O espectáculo «Gaivotas subterráneas» chega a Ames o próximo venres 1 de marzo

Venres, 22 de febreiro de 2013

[22-02-2013] Tralo éxito acadado nos teatros de varias cidades galegas, a peza teatral «Gaivotas subterráneas» chega ao Concello de Ames. A representación deste espectáculo será o vindeiro venres 1 de marzo, ás 21:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Alfonso Vallejo crea en «Gaivotas subterráneas» unha inquietante atmosfera ao redor da relación de dous vellos amigos, que lle permitirá ao espectador gozar dun duro combate entre dous dos mellores actores galegos: Luís Iglesia Besteiro e Xabier Deive. As entradas xa poden reservarse ata o venres 1 de marzo, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Con unicamente dous personaxes e altas doses de intriga, Alfonso Vallejo é capaz de crear en «Gaivotas subterráneas» unha atmosfera inquietante ao redor da relación de dous vellos amigos. Un auténtico combate verbal e teatral que, nesta versión de Artur Trillo, librarán dous dos actores galegos máis coñecidos: Luís Iglesia Besteiro e Xabier Deive. «Gaivotas subterráneas» é unha obra que está a medio camiño entre o thriller e a comedia negra, que presenta a dous amigos da mocidade que se reencontran tras anos sen verse nunha casa abandonada no medio da nada. 

Nino Carpio traballa nunha empresa de seguros; busca a Mario -músico e amigo da infancia– ao que convence para que lle axude a conseguir unha importante suma de diñeiro do seu seguro de vida. Nino atopou a un home coas súas características físicas, ao que, unha vez morto, desenterran e visten con roupas e obxectos do propio Nino. Provocan un accidente no seu coche, co morto dentro, para facer crer que o morto é Nino Carpio. A súa muller Lena poderá así cobrar os cartos do seguro, dos que Nino gozará con outra identidade.

Esta é máis unha historia sobre relacións persoais entre os dous protagonistas e sobre o significado e o simbolismo que poida ter a palabra amizade para cada un deles, que unha intriga en si mesma. Na versión feita por Artur Trillo actualizase un texto dos anos 80. Trátase dun espectáculo áxil, apoiado nun sinxela pero suxestiva escenografía creada por Suso Montero.

A obra supón, ademais, a estrea dunha nova liña de colaboración entre tres empresas da industria cultural galega. Trátase da primeira coprodución de Voz Audiovisual, RTA e Talía Teatro; tres empresas cunha ampla experiencia nos seus respectivos sectores e que unen esforzos nun momento especialmente delicado para o sector.

Reserva de entradas
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 1 de marzo, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.