Pestanas principais

O espectáculo infantil "Almanaque musical" chega ao Milladoiro este venres 12 de marzo

Martes, 09 de marzo de 2021

A programación cultural de teatro, música e danza de 2021 continúa este venres, 12 de marzo, co espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. A obra de teatro está dirixida a nenos e nenas de ata 3 anos de idade e ao público familiar. Representarase na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas, e ensinaralle aos pequenos e pequenas os meses do ano con música. Preme nesta ligazón para ver a programación completa de teatro, música e danza.

O espectáculo infantil Almanaque musical, da compañía Percubebés, está dirixido a nenos e nenas de cero a tres anos. Nel, móstrase aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán, que lle ensinará aos cativos e cativas o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco deste espectáculo. Todos eles/as farán cantar e bailar aos nenos e nenas.

Entradas na billeteira electrónica
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a este espectáculo tamén se poden adquirir na Casa da Cultura do Muilladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Actividades en marzo
Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo, ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

Aforo do 30%
Todos os eventos se realizarán seguindo as normas hixiénico-sanitarias vixentes publicadas no DOG. Por este motivo, actualmente o aforo máximo permitido en cada función é do 30%. En canto ás funcións que estaban previstas para a última semana de xaneiro as tres primeiras de febreiro e non se puideron realizar, por mor da situación sanitaria, programáronse para novas datas.

Almanaque musical

Multimedia

  • Almanaque musical