Pestanas principais

O espectáculo “A vida tola de Pajarito” representarase este xoves, 18 de xullo, no campo da festa de Bugallido

Mércores, 17 de xullo de 2024

Este xoves, 18 de xullo, o campo da festa de Bugallido acolle a terceira das actuacións da cuarta edición dos “Seráns de Ames”. A iniciativa, que se desenvolve durante sete xoves de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un espectáculo de danza e circo para todos os públicos. O espectáculo “A vida tola de Pajarito” representarase ás 20:00 horas por parte da compañía galega Pistacatro. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.

Dentro da súa aposta pola danza e o movemento, este ano o Concello de Ames integrou na súa programación cultural máis espectáculos relacionados con esta disciplina artística. Entre as distintas propostas atópase “A vida tola de Pajarito”, un espectáculo de danza e novo circo impulsado pola compañía galega Pistacatro. Este espectáculo de clown e escapismo achegará ao público ao peculiar universo de Pajarito, unha muller-nena que salta polas rúas, e fai de cada ocasión e espazo un novo motivo e lugar para o xogo.

Así, interactúa co público para que vexa as tolerías que lles ofrece esta gran pallasa. Pajarito é a número un, e a número dous tamén… é patrimonio da humanidade, a oitava marabilla do mundo!!! Con dous voluntarios, moitos xogos e un fermoso número de escapismo as persoas asistentes percorrerán o proceso de liberación das súas ataduras, onde a pequena remata libre coma o vento e con moitas ganas de… “coñecer mundo”.

Esta é a terceira das actuación dos “Seráns de Ames 2024”, que xa se estrearon o pasado 4 de xullo na parroquia de Tapia co pregón ofrecido pola xornalista e escritora amesá Paula Señarís o e o concerto do grupo As Maianas. A segunda xornada, que ía realizarse o pasado 11 de xullo, tivo que adiarse por mor da choiva. Deste xeito, o grupo SR. Salvaje non puido actuar en Biduído.

Iniciativa “Seráns de Ames”
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por cuarto ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como novidade, este ano contarase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias (Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón) as sete xornadas do programa nas que haberá actividades para todos os públicos.

Xa en agosto, o xoves 1 terá lugar na praia fluvial de Tapia a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio”, ás 17:30 horas, e o espectáculo de títeres “Varietés do Animalario”, ás 19:30 horas. Pola súa banda, o xoves 8 de agosto, ás 20:00 horas, o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”.

Os Seráns de Ames volverán a Bugallido o xoves 22 de agosto na carballeira cunha Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Por último, a programación remata o xoves 29 de agosto en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete, ás 19:00 horas.

Cartaz dos Seráns de Ames 2024

Multimedia

  • Cartaz dos Seráns de Ames 2024