Pestanas principais

O Estado pode reterlle 400.000 euros a Ames pola conta de 2010

Martes, 26 de xullo de 2011

[26-07-2011] O Estado, por medio do Ministerio de Economía, decidiu reterlle 400.000 euros ao Concello de Ames polos reiterados incumprimentos á hora de realizar o balance das contas anuais. Así, segundo explicou o concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón Argibay, a carteira que dirixe Elena Salgado remitiulle, hai algo máis dun mes, un escrito ao Concello de Ames no que se informaba de que se vai reter a cantidade correspondente a este municipio procedente dos fondos recadados polos impostos estatais. “O motivo fundamental desta actuación é que o Concello non ten pechada en tempo e forma a conta xeral de 2010” explica Ramón Argibay, quen recorda ademais que no último ano do anterior mandato, e cun considerable atraso, o anterior goberno amiense, liderado polo socialista Carlos Fernández, “aprobou tres contas xerais, a do 2007, a do 2008, e a do 2009”. O goberno actual presentará unha emenda para evitar este bloqueo de diñeiro.

O concelleiro responsable de Reforma Administrativa sostén que a cantidade procedente do Estado é moi importante, e que a súa retención "agravará" aínda máis a situación económica que atravesa actualmente o Concello. Argibay cifrou o importe da retención do estado en algo máis de 400.000 euros. Dada a importancia deste asunto, o executivo local levará ao próximo pleno ordinario (o 28 de xullo) un informe de Intervención explicando estas cuestións e tamén un escrito de alegacións que o Concello remitirá ao Ministerio de Economía para evitar a retención desta importante cantidade de diñeiro.

O Concello amiense basea as súas alegacións no feito de que o equipo económico está traballando na liquidación da conta de 2010 e que esta se aprobará en breve.