Pestanas principais

O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual

Venres, 16 de decembro de 2022

O Concello de Ames organizou hoxe venres, 16 de decembro, unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se desenvolveu no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contou coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento foi poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participou o alumnado e profesorado dos centros de ensino amesáns de primaria e secundaria, preto de 20 empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa e representantes das tres universidades galegas. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes do InnovAmes.

A xornada comezou ás 10.00 horas cun acto inaugural e cun percorrido de presentación polos diferentes stands. Na mesa inaugural participaron Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Luis Otero González, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento da USC; Alfonso Lago Ferreiro, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións da Universidade de Vigo; Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación; e Blas García, alcalde de Ames.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “Ames é referente na innovación, unha aposta pola que vimos traballando dende fai anos e que é un dos maiores piares do noso concello. Nesta xornada de innovación participan empresas de Ames que son referentes na innovación do noso concello. Ademais, quero agradecer a participación das universidades de Santiago de Compostela, Coruña e Vigo”. Ademais dixo “hai algo que tamén é moi importante neste concello, que son os nosos centros educativos, os cales hoxe teñen un stand cos seus proxectos e ao longo da mañá expoñerán para participar na primeira edición dos primeiros premios educativos. Este nenos e nenas, mozos e mozas, son o futuro destas grandes empresas que temos no concello”.

Alfonso Lago Ferreiro, vicerreitor de profesorado, docencia e titulacións da Universidade de Vigo, dixo que “a innovación é a parte central do noso futuro. No que nos corresponde ás universidades, estamos aquí para mostrarvos un pouco do que facemos. Como Universidade de Vigo, dicirvos que a enxeñaría é fácil. O que si necesita é un esforzo. Ese esforzo é o que nos permite, por exemplo, que se ides ao stand de SpaceLab, neste intre ter un satélite fabricado na UVigo con toma de datos continuamente. Estas xornadas son importantes por varias razóns: por achegar a empresa á sociedade, por achegar a universidade á sociedade, e por achegar universidade e empresa”.

Luís Otero González, delegado do reitor para a transferencia e o coñecemento da USC, destacou que “moitos dos rapaces e rapazas que asisten hoxe a esta xornada acabaredes na Universidade, acabaredes neses centros e acabaredes na investigación que vai aportar, quen sabe, o futuro coche eléctrico voador, o futuro xogo interactivo do multiverso, os diferentes xogos moi reais cos que podedes xogar na casa cos colegas... E seguro que iso se xerará en distintas empresas, como se teñen constituído, da Universidade de Santiago. Temos empresas de ubicación tecnolóxica nos aeroportos, temos empresas que están avanzando moito no tratamento do cancro, e todo iso é posible grazas a nenos e nenas, que hoxe xa non son nenos e nenas, pero si que o foron, e que dirixiron no seu momento o se interese por estudar na universidade e por seguir aprendendo”.

Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizo da Axencia Galega de Innovación, dixo “para min é un pracer estar aquí, ao estar tan vencellada a este mundo das start-ups. Dende a Xunta queremos chegar á sociedade, achegarvos á innovación e á tecnoloxía, e que saibades que tedes un futuro en Galicia. Parte do noso traballo consiste en apoiar aos concellos, que sodes os que tedes a pegada e estades máis próximos aos rapaces que se están a formar. Queremos que continuedes con estas actividades, que contedes connosco e que traslademos a innovación e a tecnoloxía, que é a competencia que temos que facer a nivel continente, pero tamén noutros ámbitos. Precisamos que a sanidade mellore en procesos, e iso tamén é innovación. Precisamos mentes que pensen diferente. Todo o que estades facendo hoxe aquí e moi importante, dende o traballo máis pequeno ata o máis tecnolóxico. Como galegos, que somos humildes, tamén somos orgullosos e temos moitísima capacidade. Confiamos en vós e esperamos poder estar á altura, dende a Xunta de Galicia, para darvos todo ese apoio, para crear empresas e facer crecer as PEMES. Contade con nós”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García. Primeiro agradeceu “ás universidades por acompañarnos neste acto, por estar presentes tamén cos stands, con todo o traballo que fan, e á Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia por acompañarnos. Sen dúbida, para nós, é un respaldo importante nesta segunda feira de innovación. Fixemos unha fai anos, antes da pandemia, e volvemos a retomala. Cando iniciamos o traballo e a idea de facer esta mostra da innovación, o facíamos por dúas razóns: para poñer en valor todo o sistema empresarial de innovación, tecnoloxía e do audiovisual que temos no concello de Ames, que é moito, e para que os nenos e nenas puideran participar do que é a investigación e a tecnoloxía. Creo que é moi positivo ver unha feira coma esta chea de nenos e nenas, e tamén de adolescentes. O que estamos facendo con este tipo de actividade é plantar, seguramente, un futuro. De aquí seguramente sairán investigadores que melloren a nosa capacidade e a nosa sociedade”.

Xornada de innovación
O obxectivo de InnovAmes é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparten coñecementos e sinerxías para lugar a proxectos innovadores. Ao longo de toda a xornada houbo charlas, mesas de debate, obradoiros, presentación de proxectos innovadores e ofreceuse información nos stands permanentes das empresas, universidades e centros de ensino.  

Neste evento houbo un total de 20 stands nos que estiveron representadas 14 empresas amesás como Airvision, Tecalis, Escenoset, Mirabelle Producciones, Verial, Nanogap, Sistemius Abogados, Cartogalicia, Minervas Voice, Conic vascular, We Robots, Feiraco, GST e Codery. Outras tres empresas non dispuxeron de stand pero participaron en relatorios e mesas de debate; dúas empresas de Ames (Altia e Alfonsin Digital Lab) e outra que pertence á universidade de Santiago de Compostela (FlowReserve) .

Tamén dispuxeron do seu propio stand as tres universidades galegas: USC, Campus industrial de Ferrol (UdC) e Universidade de Vigo, así como houbo varios stands dos centros escolares e do centro coworking A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro. Ademais, Radio Galicia - Cadena Ser emitiu o seu programa Hoy por Hoy dende o pavillón do Milladoiro para dar cobertura ao evento.
 
Programa da mañá
Trala inauguración comezaron as charlas e mesas de debate que trataron sobre tecnoloxía, innovación, audiovisual e a utilización de novos materiais. A empresa Tecalis foi a primeira en subir ao escenario para falar sobre o metaverso e fixo unha demostración na propia feira, onde creou un avatar do alcalde, Blas García. Aberto Campos, COO e cofundador de Tecalis, presentou o proxecto Tecalis Avatar Identity que é a primeira solución do mundo de verificación de identidade con DNI para o metaverso.

Pola mañá tamén houbo dúas mesas; na primeira falouse sobre saúde e innovación e contouse coa presenza de persoal de Nanogap, Conic Vascular, FlowReserve e con Sofía Suárez da Universidade de Vigo. A segunda mesa de debate tratou sobre desenvolvemento de software e contou coa presenza de persoal das empresas Altia, Verial, Sistemius e Tecalis. Tamén se realizou unha exhibición de drons por parte do persoal da empresa Airvision.

O alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas puideron escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con menos de 30 anos da lista Forbes, fundadora de Lazzaro, unha empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións mediante blockchain.

Premios educativos InnovAmes
Este ano como novidade o Concello de Ames convocou a primeira edición do premio InnovAmes para proxectos educativos. Participaron os alumnos e alumnas do IES do Milladoiro, CEIP Agro do Muíño e CEIP de Barouta. Cada un deste centros participou con dous proxectos. O alumnado do IES do Milladoiro presentou os proxectos A son da dobraxe e Volve a radio. Os rapaces e rapazas de Barouta presentaron os proxectos Os ambientes maker de aprendizaxe e Rego automático, mentres que os/as alumnos/as de Agro do Muíño expuxeron os proxectos Día a día facemos o camiño da ría e Aprendemos a toponimia de Ames a través do teatro.  

O primeiro premio, valorado en 1.500 euros, foi para o CEIP de Barouta polo proxecto Rego automático. O segundo premio de 1.000 euros recaeu no proxecto Aprendemos a toponimia de Ames a través do teatro, do alumnado do CEIP Agro do Muíño. O terceiro e último premio de 500 euros foi para o proxecto A son da dobraxe do IES do Milladoiro. A través deste premio tratouse de ofertarlle á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Recoñeceuse a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.

Programa da tarde
Pola tarde, ás 16.30 horas, persoal das empresas Escenoset, Mirabelle Producción e Minervas voice falaron da produción audiovisual para a educación. De seguido, ás 17.15 horas, realizouse a presentación dos proxectos finalistas aos Premios InnovAmes para empresas. Ás 18.15 horas houbo un relatorio con Alfonsin Digital Lab, que presentou as singularidades da posprodución máis innovadora, traballando man a man cas plataformas audiovisuais do momento.

Tamén houbo unha actuación musical, a cargo do músico Marcos Valcarce, que serviu de acto previo á entrega de premios ás empresas máis innovadoras. O peche da xornada realizouse ás 19.30 horas a cargo da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e do alcalde de Ames, Blas García.

Premio InnovAmes para empresas
Nesta segunda edición do InnovAmeas tamén se convocou un concurso dirixido a empresas co obxectivo de recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas.

Establecéronse tres categorías. Na categoría de empresa máis innovadora participaron as empresas Airvision, Arjuna, Cartogalicia, Minervas Voice e Tecalis. Nesta categoría o premio dotado de 1.500 euros foi para a empresa Arjuna. Na categoría de empresa con maior impacto social participaron Airvision, Cartogalicia, Minervas Voice e Tecalis. Nesta categoría o premio dotado de 1.500 euros foi para a empresa Minervas Voice. Por último, na categoría de empresa con alto potencial de crecemento participaron Airvision, Minervas Voice e Tecalis. Nesta categoría o premio de 1.500 foi para Airvision.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "O Milladoiro ejerce como capital tecnológica con el InnovAmes"

El Correo Gallego: "InnovAmes premiou e presumiu de potencial tecnolóxico e audiovisual"

O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual

Multimedia

  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • O evento “InnovAmes” mostra o potencial das empresas amesás nos sectores da tecnoloxía, a innovación e o audiovisual
  • Embedded thumbnail for