Pestanas principais

O éxito da I Feira da Saúde e o Ben-Estar garante a súa continuidade

Xoves, 15 de abril de 2021

Aforo completo en obradoiros e actividades, cheo tamén nalgúns faladoiros e medias no resto do 70%, gran demanda de información e unha unha constante concorrencia de público durante os dous días. A afluencia, a participación e o interese suscitado pola I Feira da Saúde e o Benestar que organizou a pasada fin de semana a Concellaría de Benestar e Promoción da Saúde no Pazo da Peregrina, avalía a intención de que o evento se repita en anos vindeiros. Cómpre salientar tamén os cinco novos doantes de órganos que no transcurso do evento conseguiu a asociación ALCER.

Os 10 faladoiros que un tras outro foron sucedéndose cada 45 minutos durante o sábado, 10 de abril e a mañá do domingoo, 11, acadaron altas cotas de participación. Organizábannos algunhas das 17 asociacións que participaban na Feira. Falouse do alzheimer e outras demencias, do dereito a saúde e os determinantes sociais, da doazón de órganos, de como descifrar as etiquetas nutricionais, das alerxias alimentarias, da esclerose múltiple e o parkinson, do alcoholismo, do dano cerebral, da endometriose e da alimentación que pode axudar na curación do cancro.

O aforo para estes relatorios que se desenvolveron no primeiro andar do Pazo da Peregrina estaba reducido a 25 persoas por mor das normas sanitarias. ANEDIA con “Compra Con-ciencia, descifrando as etiquetas nutricionais” acadou o 100% de asistencia”, seguido moi de cerca, cun 98%, pola exposición da Asociación de Alcohólicos Anónimos que reuníu a 23 persoas. O computo global acada unha media de asistencia aos faladoiros do 70%.

A Feira ofreceu tamén toda una serie de obradoiros, xogos e actividades encamiñadas á informar e promover distintas actitudes saudables. En todo os casos completouse o aforo establecido. Durante todo o tempo que durou a feira foron moitas as persoas que visitaron as exposicións permanentes “Os Bolechas saben o que é a diabetes” , na Casa de Cultura de Bertamiráns e a no Pazo da Peregrina, e as que comezaron a practicar marcha nórdica co monitor que durante todo o tempo que durou a Feira estivo a disposición de quen o necesitase. Cómpre destacar ademais a gran participación na andaina polo Rego dos Pasos que guiou a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. Tamén foron moi seguidas as actividades de ioga terapeútico, xerontoximnasia e Ponte en marcha.

Para Luísa Feijóo, concelleira de Benestar e Promoción da Saúde “o éxito acadado na Feira superou amplamente as nosas expectativas; é de agradecer a boa acollida que tivo a iniciativa por parte das asociacións que se implicaron dende o primeiro momento para que fora todo un éxito. A nosa intención é continuar na senda de poñer a saúde como eixo de todas as nosas políticas e para elo continuaremos a traballar neste senso da man das diferentes asociacións que decotío xa levan tempo colaborando con nós.

Cómpre salientar que durante os dous días que durou a Feira, o fluxo de persoas de todas as idades que pasaron polo Pazo da Peregrina foi moi intenso e as visitas aos stand que varias das Asociacións participantes instalaron no patio e nas soleiras foron constantes. Froito delas, por pór un exemplo, os cinco novos doantes de órganos que conseguiu a asociación ALCER.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Afluencia como aval para repetir la Feira da Saúde"

La Voz de Galicia: "El éxito de la primera Feira da Saúde avala su continuidad"

I Feira da Saúde e o Benestar

Multimedia

  • I Feira da Saúde e o Benestar
  • I Feira da Saúde e o Benestar
  • I Feira da Saúde e o Benestar
  • O éxito da I Feira da Saúde e o Ben-Estar garante a súa continuidade
  • I Feira da Saúde e o Benestar
  • I Feira da Saúde e o Benestar
  • I Feira da Saúde e o Benestar