Pestanas principais

O #FalaConBlas comezou a súa segunda tempada e manterase durante todo o mandato o último martes de cada mes

Luns, 24 de marzo de 2025

O vindeiro martes, 25 de marzo, ás 21.00 horas, o alcalde Blas García, participará nun directo simultáneo nas plataformas de Facebook e Instagram. Esta é a segunda tempada do proxecto nacido no ano 2021 baixo o título #FalaConBlas, impulsado por alumnos do máster de Marketing e Comunicación Política da Universidade de Santiago de Compostela. O alcalde tratará temas de interese municipal, así como vivencias persoais de forma mensual. Por outra banda, tamén responderá en directo ás preguntas que se lle formulen.

O alcalde, Blas García, explicou que lle gusta “ser accesible e falar de todo con calquera. A xente debería poder preguntarlle sobre calquera tema aos políticos que os representan. Durante todo o ano está aberta a porta do meu despacho, saímos ás parroquias para falar coa veciñanza e estamos na rúa para saber as necesidades de Ames”. Por outra banda, manifestou estar “encantado de retomar esta iniciativa e da resposta da xente ao primeiro programa. Penso que é fundamental manter o contacto permanente cun sector da veciñanza á que non é fácil chegar mediante as canles habituais”.

O #FalaConBlas afronta a súa segunda tempada coa intención de manterse durante todo o mandato. “Cando me propuxeron esta iniciativa no ano 2021 accedín sen dubidalo porque me pareceu unha gran forma de conectar con toda a mocidade a través das redes sociais e da plataforma de vídeo en streaming. Hoxe máis que nunca creo que esta é unha gran ferramenta para chegar a todos os fogares do concello e render contas. Todas as críticas, suxestións, opinións e preguntas serán benvidas”, sentenciou o rexedor.

Este segundo programa da segunda tempada, centrarase no centro de saúde de Bertamiráns, obras do Milladoiro, manifestación contra Altri, gratuidade da AP-9 e a inseguridade da AC-544, a parte de todas as preguntas que fagan os espectadores sobre calquera tipo de cuestión.

Primeiro programa da segunda tempada
O alcalde mostrouse satisfeito da acollida do primeiro programa, que contou entre todas as plataformas con máis de 5.000 visualizacións. “É fundamental que a xente se interese polos asuntos municipais, deste xeito ten a capacidade de ser crítica e non verse influenciada por opinións interesadas ou a desinformación presente, desgraciadamente, en todos os niveis da política, tanto local como autonómica ou estatal”.

Canles de emisión
Esta segunda tempada será emitida en directo nas canles de Instagram (@blasgarcia) e Facebook (@blasgarcia.ames) do alcalde e poderá ser visualizado de novo, a parte de nas citadas plataformas, en Tik Tok (@blasgarcia.ames) e Youtube (Blas García).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "#FalaConBlas: retoman as charlas co alcalde de Ames"

O #FalaConBlas comezou a súa segunda tempada e manterase durante todo o mandato o último martes de cada mes