- Tematica
A pasada fin de semana o FC Meigas conseguiu o punto que lle faltaba para proclamarse campión de Liga, por primeira vez na súa historia, na categoría de Primeira Galicia. Tras un emocionante e intenso partido contra o equipo do Viaxes Amarelle, segundo clasificado, no pavillón municipal da Baña, o F.C. Meigas conseguiu un merecido empate que lle permite acadar o devandito título. Deste xeito, o FC Meigas dá un paso máis nunha tempada que está a ser histórica no club.
No partido do pasado sábado, 18 de xaneiro, enfrontáronse o primeiro e segundo clasificado. O FC Meigas presentábase como líder con 78 goles a favor e 10 en contra, e cunha única derrota, precisamente ante o seu rival polo título, o Viaxes Amarelle, que afrontaba o partido obrigado a acadar os 3 puntos, e chegaba ao encontro coa confianza que lle daba a súa vitoria a domicilio por 2 -6 na primeira volta.
O partido comezou cun gol de Teresa Pereiro, capitá do FC Meigas e máxima goleadora da categoría, que marcaba no primeiro minuto de encontro. Dende ese momento o Viaxes Amarelle dominou a posesión do balón, e dispuxo das ocasións máis claras. Os goles do equipo do Viaxes Amarelle chegaron por medio de Nuria e Carla. Ademais, xusto antes do descanso Nuria dispuxo dun man a man contra a porteira do FC Meigas, Uxía Penas, que salvou o terceiro gol local, e que posteriormente foi definitivo á vista do resultado, rematando a primeira parte con 2-1 no marcador.
A segunda parte comezou con FC Meigas subindo a defensa e decidido a remontar o resultado, dominando a posesión de balón e con defensa presionante. Sucedéronse as ocasións pero unhas veces por falta de acerto e outras pola gran actuación da porteira do Viaxes Amarelle, Nerea Ramallo, non foi ata a falta de 4 minutos para o final, que Teresa Pereiro, logo dun rexeite a tiro de Iria Mariño, logrou acadar o seu segundo gol e poñer o empate no marcador.
Deste xeito, o FC Meigas dá un paso máis nunha tempada que está a ser histórica no club. Dende o club amesán agradecen o esforzo de todas as xogadoras (Ángela Ferreiro, Antía Gómez, Carla Sánchez, Estela Bernárdez, Iria Mariño, Maite Pellegrino, Malena Pellegrino, María Martínez, María López, Martina Fraga, Patricia Iglesias, Paula López, Teresa Pereiro e Uxía Penas) e dos membros do corpo técnico (Diego Montero, adestrador, Yago Balsa, segundo adestrador, Paola Vignolo, delegada, Santi Valladares, preparador físico, María Pérez, scouting, Miguel Capeáns, asistente, Jan Phillips, asistente, Carlos Martínez, coaching).
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dálle os parabéns a este equipo do FC Meigas “xa que este triunfo reflicte o esforzo que fan diariamente nos seus adestramentos. Eu quero animalas a seguir desfrutando do deporte que practican”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Histórico título de Liga na 1ª Galicia para o FC Meigas"