- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación do XVIII Festival internacional de Maxia de Ames, que incluirá espectáculos e obradoiros para todos os públicos durante os días 27, 28 e 29 de outubro. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames, que conta co apoio da Deputación da Coruña, repetirá iniciativas de gran éxito en anteriores edicións, como a gala de novos talentos da maxia, a gala máxica infantil ou a gala máxica internacional. Tamén se celebrarán obradoiros dirixidos a cativos e maiores. As entradas e convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro foi escenario esta mañá da presentación dunha das actividades culturais que máis expectación xeran entre a veciñanza amesá. Trátase do XVIII Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, que se desenvolverá os días 27, 28 e 29 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O acto correu a cargo do alcalde de Ames e edil de Cultura, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez, e o mago Dani Polo, que participará no evento. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa do festival ao completo.
A técnica de Cultura, María Vázquez, aproveitou para debullar o programa dun festival ao que cualificou como “unha das iniciativas máis esperadas e consolidadas do Concello de Ames”. “Como noutras ocasións, temos artistas nacionais e internacionais, pero tamén galegos, algúns deles de moi preto de Ames. Queremos convidar a toda a veciñanza a que veña, posto que contamos cunha gran calidade artística”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “este festival, que comezou no 2005, cumpre a súa maioría de idade, o que pon de manifesto o éxito que colleita no noso concello. É un dos eventos que temos marcados en vermello, porque contamos con gran afluencia de veciños e veciñas, que veñen tanto de Ames como da súa contorna, a ver estes espectáculos de maxia”.
Tamén Dani Polo, mago galego que ten participado en diversas galas do FestiMax, subliñou que “este é un dos festivais de maxia máis lonxevos do panorama galego, un programa consolidado que temos aquí en Ames, e nese sentido cabe agradecer Á Deputación da Coruña e ao Concello que o fagan posible. É complicado tanto buscar artistas cada ano que manteñan o nivel, como, dende o lado artístico, lograr números novos que sorprendan ao público, pero tratamos de manter a calidade ano tras ano”.
Galas máxicas
A programación do FestiMax inclúe tres galas máxicas. A primeira delas, a Gala máxica infantil, terá lugar o venres 27, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estará protagonizada por Francis Zafrilla, que presentará o espectáculo “Confeti”. Zafrilla é un artista polifacético: mago, cantante e ventrílocuo. Está especializado en espectáculos infantís, e foi gañador de diversos recoñecementos neste ámbito. “Confeti” é unha proposta chea de ritmo, cor, maxia e participación continua dos cativos e cativas.
Por segundo ano consecutivo, terá lugar tamén unha gala de Novos Talentos da Maxia, presentada polo mago Rafa. Nesa ocasión desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns, o veres 27 de outubro, ás 20:00 horas. Nela participarán Mago Iago, El Gran Na, Meigo Simón, Marco Morán e Golden Magic.
Para rematar, celebrarase a Gala Máxica Internacional. Como habitualmente, celebraranse catro pases, debido ao gran éxito colleitado durante as últimas edicións e a gran expectación que o evento xera entre a veciñanza de Ames. O espectáculo estará presentado polo polifacético Dani Polo, un clásico deste festival, que dará paso ao distintos artistas e sorprenderá novamente a un público que coñece de primeira man.
Os magos que estarán presentes son Kenris Murat e Aurelia, Pedro III, Joshua Kenneth e Bonjin Koo. Kenris Murat e Aurelia son unha parella de ilusionistas franceses recoñecidos a nivel internacional polas orixinais mesturas artísticas que incorporan ós seus actos. Traen ao Festimax a súa proposta estrela, unha combinación de tango e maxia, un número de gran destreza. Pola súa banda, Pedro III presentará un dos seus espectáculos máis aclamados: The Laserman, unha performance de son e luz con milleiros de raios láser. Kenneth, chegado de Compostela, arrasará cun número misterioso e poético, tras triunfar no último Congreso Nacional de Maxia levando o premio na categoría de Manipulación. Xa por último, Bonjin Koo aterra dende Corea por primeira vez en Galicia para representar unha actuación traballada durante anos e que consta dunha técnica exquisita, baseada na antiga tradición da ópera chinesa do cambio instantáneo de máscaras.
As sesións da Gala Máxica Internacional terán lugar en Bertamiráns o sábado 28 (a primeira sesión ás 17:00 e a segunda sesión ás 20:00 horas) e no Milladoiro o domingo 29 (a primeira sesión ás 17:00 e a segunda sesión ás 20:00 horas).
Obradoiros
Por outro lado tamén se van realizar obradoiros de maxia, a cargo do propio Joshua Kenneth, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. Para participar nestas iniciativas será necesario inscribirse previamente, enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un número de teléfono. Haberá catro sesións, e cada grupo estará conformado por un máximo de 12 cativos/as. Na Casa da Cultura de Bertamiráns as sesións desenvolveranse o sábado 28 (ás 11:00 o primeiro grupo e ás 12:00 horas o segundo) e na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 29 (ás 11:00 o primeiro grupo e ás 12:00 horas o segundo).
As entradas e os convites para as galas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica, premendo nesta ligazón. Para calquera dúbida débese contactar co departamento de Cultura nos números de teléfono 981 53 59 40 e 662 37 74 44.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "O Festival internacional de Maxia "FestiMax" volve a finais de outubro"