Pestanas principais

O Flatiron, Gulliver e Chegando co Futuro na Man son as tres fotografías premiadas no X Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro

Xoves, 26 de decembro de 2024

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado xoves, 19 de decembro, a Gala de entrega de premios do X Certame de fotografía comercial do parque empresarial Novo Milladoiro. O acto estivo presentado por Carlos Blanco. Durante a gala proxectáronse as fotografías premiadas durante as nove edicións anteriores, vendo deste xeito, a evolución do parque empresarial e a progresión a través do tempo do propio certame. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio, Javier Antelo. O Flatiron, Gulliver e Chegando co Futuro na Man foron as tres fotografías premiadas.

O acto comezou facendo lembranza ás nove edicións anteriores, cunha proxección das fotografías premiadas, observando así, a evolución do parque empresarial e a progresión a través do tempo do propio certame. Seguidamente, púxose en pantalla o pase das fotografías presentadas a concurso este ano, onde se documenta a historia do parque empresarial sen necesidade de palabras, dependendo sempre da óptica que lle de o autor, e que en moitas ocasións indica como se pode reformar a actividade empresrial, analizando a realidade.

Nesta décima edición, o xurado estivo composto por Xoán Soler, fotoxornalista da La Voz de Galicia; Alberto Uzal, responsable de Estudios Fílmate; Javier Antelo Seoane, concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio e experto no sector audiovisual; Ana Paz, concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames; e o presidente da asociación do parque empresarial do Milladoiro e formado en fotografía na Escola de Arte Mestre Mateo, Javier Santos Blanco.

Fotografías premiadas
O premio Tesec Audiovisuais, dotado con 500 euros, foi para a fotografía: O Flatiron, de Alberto Cachafeiro Sánchez, ambientada no CEN- Cartogalicia, nave que, pola súa estética,  se presta especialmente a ser obxectivo dos fotógrafos máis expertos. Esta obra lineal, centrada, equilibrada, dinámica, ben contrastada e ponderada, con sensación divisoria da imaxe, unha metade máis escura e outra con máis luz, dirección que leva a persoa; foi amplamente valorada por todos os membros do xurado.

O premio Fílmate Estudios Fotográficos, dotado con 400 euros, foi para a fotografía Gulliver, de María Jesús Pena Álvarez, signo da creación artística desenvolvida no parque empresarial do Milladoiro, enxalzando a obra de Ramón Conde, o escultor de “Os Redeiros”, o famoso monumento olívico. Na decisión do xurado primou o reflexo do ámbito laboral e a definición da fotografía.

O premio Técnicas de Ocio Galicia, dotado con 300  euros, foi para Chegando co Futuro Na Man, realizada pola gran aficionada á fotografía: Jacqueline Silveira Calviño, na entrada do novo hotel do Milladoiro: B&B, quen prestou en todo momento a súa colaboración con este certame. Nesta fotografía o xurado tivo en conta o dinamismo e o contraste da cor vermella, xunto con unha boa exposición.

Cabe destacar que no seu monólogo, Carlos Blanco, aportou ideas de fotografías para ser presentadas en futuras edicións. Tanto nos acertados comentarios, que fixeron pasar un grato momento ao público, como nas fotografías proxectadas polo seu equipo, deixou entrever a importancia do parque empresarial do Milladoiro como un espazo de traballo cheo de dinamismo e intersectorial onde caben actividades de loxística, comerciais, industriais, de consultoría, etc.

O presidente da asociación, Javier Santos, puxo de relevancia a colaboración do Concello de Ames, e quixo agradecer a todas as empresas socias a realización deste evento dinamizador da vida social e económica de Ames e área de Compostela, que atrae fotógrafos de toda Galicia, superando unha vez máis, a calidade das obras presentadas a concurso.

Exposición de todas as fotos participantes
Todas as fotografías presentadas ao concurso fotográfico están expostas ata o 7 de xaneiro no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, na sede da asociación estarán expostas a partir do 7 de xaneiro. A temática do concurso xirou en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. O obxectivo do concurso é que a veciñanza de Ames coñeza a actividade das empresas que están situadas no parque empresarial.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A imaxe ‘O Flatiron’ gaña o certame de fotografías do polígono do Milladoiro"

O Flatiron, de Alberto Cachafeiro Sánchez

Multimedia

  • Gulliver, de María Jesús Pena Álvarez
  • Chegando co Futuro Na Man, realizada por Jacqueline Silveira Calviño
  • O Flatiron, Gulliver e Chegando co Futuro na Man son as tres fotografías premiadas no X Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro