Pestanas principais

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organizou este xoves unha xornada para promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible na administración local

Xoves, 31 de maio de 2018

[31-05-2018] O técnico municipal de Servizos Sociais, Leo Pena, asistiu está mañá, en representación do Concello de Ames, á xornada “A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento”. Organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a xornada desenvolveuse na Cidade da Cultura. Nela participaron, alén das persoas representantes das administracións locais e provinciais socias do Fondo, delegadas e delegados doutras redes de municipios de Holanda, Alemaña, Portugal e Andalucía, os cales compartiron as súas experiencias na implementación dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Ditos Obxectivos son as metas marcadas pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para o seu cumprimento en 2030; entre eles, a fin da pobreza, unha educación de calidade, enerxía asequible e non contaminante, a redución das desigualdades e a erradicación da fame.

A xornada “A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento” buscou inspirar aos municipios para que contribúan a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola Organización das Nacións Unidas (ONU). Organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a xornada contou con destacadas e destacados expertos neste eido e con persoas delegadas de interesantes exemplos que foron pioneiros en Europa. A Cidade da Cultura foi o espazo escollido para o desenvolvemento do seminario.

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son 17 metas orientadas á erradicación da pobreza, á protección do planeta e á consecución da prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Os ODS abranguen, polo tanto, temas como o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz. Así mesmo, estes Obxectivos inclúen indicadores que entroncan coas competencias locais, de maneira que os gobernos municipais poden tomar medidas para o seu cumprimento: aliñando as súas políticas coa nova axenda do desenvolvemento e contribuíndo a súa consecución nos lugares máis desfavorecidos a través da cooperación internacional e da participación en redes como o Fondo Galego.

Este é o segundo ano consecutivo que o Fondo Galego organiza unha xornada para concienciar aos Concellos e Deputacións socios acerca do papel chave que estas administracións teñen na consecución dos ODS. A organización desta xornada tamén buscou dar a coñecer os avances que se están a producir no ámbito europeo. A iniciativa, que tivo o apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, contou coa asistencia de persoal político e técnico dos Concellos e Deputacións, ademais da de axentes de cooperación e persoas membros da comunidade educativa, das asociacións e da cidadanía en xeral. O técnico municipal de Servizos Sociais, Leo Pena, asistiu á xornada en representación do Concello de Ames.

A programación do encontro
A programación da xornada abriuse coa mesa inaugural “A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento”, na que participaron a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concha Fernández, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

A continuación, desenvolveuse o relatorio “Os ODS e a importancia da súa implementación nos municipios” da man da asesora da Rede Española para o Desenvolvemento Sostible e experta internacional en materia de xénero en urbanismo e innovación, Inés Sánchez de Madariaga. Após o relatorio, tivo lugar unha mesa redonda sobre “Boas prácticas na localización dos ODS: experiencias desde os gobernos locais”. Nesta mesa expuxéronse exemplos chegados da rexión alemá de Renania do Norte/Westfalia e do concello holandés de Rheden, así como da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento de Portugal e do Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional.

A xornada finalizou coa realización de dous obradoiros paralelos: un sobre xestión de actividades de educación para a cidadanía global e outro acerca das convocatorias municipais de subvencións a proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Estes workshops contaron coa participación da Coordinadora Galega de ONGD e de persoas expertas nas distintas materias que se abordaron.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames presente en el las jornadas de los ODS en el Fondo Gallego de Cooperación y Solidaridad"