Pestanas principais

O Fondo Galego de Cooperación financia 60.000 xiringas para vacinar contra a Covid-19 en Cuba

Mércores, 26 de maio de 2021

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames é socio e ademais ostenta a Secretaría, vén de asignar 5.000 euros da súa reserva de axuda humanitaria á compra de 60.000 xiringas, coas súas correspondentes agullas dun só uso, destinadas á vacinación en Cuba. O apoio canalizarase a través da ONGD Sodepaz e da Asociación de Amizade Galego-Cubana ‘Francisco Villamil’, co fin de paliar a dificultade existente no país para adquirir os materiais necesarios no mercado internacional, debido ao bloqueo imposto por Estados Unidos, que foi condenado en diversas ocasións pola ONU.

A Soberana 02, desenvolvida polo Instituto Finlay de Cuba, é a vacina que se atopa nun estadio máis avanzado dos catro antídotos xerados na illa. Nestes intres, está concluíndo en La Habana a fase III de estudo clínico, na que se administran 150.000 doses a traballadoras e traballadores da saúde de primeira liña. Unha vez rematada esta etapa, iniciarase na capital un ensaio de intervención comunitaria para vacinar a 1.700.000 persoas. É neste momento cando entrarán en xogo as xiringas sufragadas polo Fondo Galego.

A adquisición realizarase no marco do contrato asinado entre o Ministerio de Saúde Pública de Cuba e a compañía chinesa Tianjin Huaxuan Import & Export, con comprobada capacidade loxística e produtiva para realizar as entregas nos prazos previstos. Cómpre sinalar que o embargo norteamericano impide adquirir xiringas, viais, tapóns e demais insumos en EEUU, que monopoliza a produción canda China e India. De aí que a campaña respaldada polo Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba leve por lema “Os bloqueos matan, a túa solidariedade dá vida”.

A través desta iniciativa, á que o Fondo Galego vén de contribuír e que vai camiño de conseguir os 2 millóns de xiringas, preténdese acadar os 10 millóns de unidades a nivel europeo. Outras entidades de cooperación descentralizada, como o Concello de Oleiros ou o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, tamén se adheriron xa a esta intervención. Ademais, calquera persoa ou colectivo pode colaborar a través do número de conta ES42 1550 0001 2900 0350 9221 habilitado por Sodepaz, indicando no ingreso o concepto “jeringuillas”. Cada euro achegado permite realizar 12 vacinacións.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos, entre os que se atopa Ames, e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

O Fondo Galego de Cooperación

Multimedia

  • O Fondo Galego de Cooperación
  • O Fondo Galego de Cooperación