- Tematica
Esta mañá celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o foro de “Saúde mental baixo o foco” do Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia. Neste evento púxose o foco na importancia da prevención e visibilización dos problemas de saúde mental, así como o traballo que se está a desenvolver dende os concellos para detectar e axudar a diminuír os problemas de saúde mental entre os seus habitantes. Así mesmo, falouse da importancia do benestar emocional no mundo do deporte. O foro comezou cunha apertura na que interviron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís e os fundadores da entidade CoidadosAmente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.
Neste acto de apertura, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que a decisión de levar a cabo o Plan Municipal de Saúde Mental no municipio foi, en parte, porque “despois da pandemia os problemas de saúde e benestar mental foron incrementándose e decidimos ampliar e unificar un plan que abarcara a toda a cidadanía do Concello”. Así mesmo, subliñou que iniciativas e servizos coma os que ofrece Ames visibilizan para “eliminar na sociedade ese tabú de dicir que temos un problema de saúde mental” así como “axudar a todos os sectores da cidadanía, dende a xuventude ata a poboación de máis idade”.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou a importancia do benestar emocional no ámbito do deporte, “Sempre se fala da condición física dos deportistas pero cada vez vemos que é máis importante ter unha boa saúde mental. Ademais, cada vez son máis os deportistas que falan e visibilizan os problemas que teñen e que moitas veces precisan facer unha parada para xestionar eses logros ou esas derrotas.”
Os fundadores da entidade CoidadosAmente, que xestiona parte das actividades que se desenvolven no Plan Municipal de Saúde Mental, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, destacaron a labor realizada este ano neste programa, “a saúde mental moitas veces pensámola de xeito individual e nós queremos mirala en punto de rede, de forma comunitaria”. Deste xeito, amosáronse satisfeitos coa boa acollida cos obradoiros realizados nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro.
Importancia da implicación municipal na saúde mental
O primeiro coloquio deste evento tratou o valor do traballo que se realiza desde os concellos abordando a saúde mental da súa veciñanza en primeira liña. Presentado pola xornalista de La Voz de Galicia, María Meizoso, a conferencia contou coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández.
As tres alcaldesas concordaron na importancia e papel fundamental que teñen os municipios para tratar en primeira liña os problemas de saúde mental entre a veciñanza e como a pandemia axudou a desestigmatizar parte dos trastornos relacionados coa saúde mental.
Así mesmo, explicaron e destacaron as medidas levadas acabo polos seus respectivos Gobernos locais no eido da atención ao benestar emocional, concordando en que axudar a conlevar a soidade, elaborar plans de detección na adolescencia ou desenvolver actividades para levar unha vellez activa son algúns dos puntos clave a traballar nas administracións.
No peche final deste primeiro coloquio, as alcaldesas pediron unha maior visibilización, recursos financieiros e persoais para poder tratar a prevención e concienciación xa dende as administracións locais a saúde mental e a importancia de combater os prexuízos que a día de hoxe seguen arredor de certos trastornos da saúde mental.
Saúde mental e deporte
A segunda mesa redonda do foro falou da importancia da saúde mental dentro do deporte, concretamente no ámbito profesional e de elite. O coloquio, conducido de novo pola xornalista María Meizoso, contou coa participación de recoñecidas figuras no deporte galego como son o adestrador profesional de baloncesto, Moncho Fernández; a atleta, Esther Pedrosa, e o mellor xogador de squash da historia de España, Borja Golán.
Nesta segunda parte do foro o asunto principal foi a importancia da parte psicolóxica no deporte profesional. Cada un dos participantes narrou a súa experiencia persoal ao longo da súa carreira deportiva, explicando como puideron afrontar os momentos máis complicados a nivel mental para un deportista como poden ser as derrotas, lesións ou os momentos previos á retirada das competicións.
Os tres profesionais coincidiron en como se avanzou e, co paso do tempo, a saúde e benestar mental dos deportistas pasou a ser fundamental dentro do deporte de élite ademais de que, pouco a pouco, se foi visibilizando a importancia de pedir axuda psicolóxica sendo un deportista profesional.
Coordinación entre administracións
O primeiro Foro de Saúde Mental en Ames rematou cun peche institucional no que interviron o alcalde de Ames, Blas García, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Neste treito final do evento, ambos representantes políticos concordaron na importancia do traballo coordinado e colaborativo entre institucións, achegando recursos persoais e económicos, para que os plans de axuda no eido da saúde mental sexan efectivos.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia da posta en marcha este ano do Plan de Saúde Municipal en Ames, “os concellos somos as administracións máis próximas á poboación, a nosa obriga é axudar aos veciños sexa ou non a nosa competencia”. Ademais, subliñou a importancia da colaboración entre administracións para diminuír cada vez máis os problemas de saúde mental, “temos que estar camiñando todos xuntos e nós, desde o Concello de Ames, seguiremos apostando pola posta en marcha de servizos que axuden ás persoas”.
No peche final, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu o papel dos municipios na abordaxe da saúde mental, “as administracións locais estades na primeira liña para detectar os problemas e para ofrecer solucións nun contexto de cambios sociais, demográficos e tecnolóxicos que afectan profundamente ás nosas relacións sociais, persoais e profesionais”. Así mesmo, destacou a importancia de crear e concienciar sobre a saúde mental no deporte “fomentando espazos de apoio que permitan aos nosos deportistas xestionar estas dificultades coas ferramentas axeitadas”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los concellos piden recursos para cuidar la salud mental de la población"