- Tematica
As xogadoras do primeiro equipo do Fútbol Club Meigas realizaron unha temporada espectacular na que se proclamaron campioas de liga da categoría Preferente Galicia e lograron o ascenso á segunda división nacional ao gañar os dous partidos do play-off de ascenso contra o equipo asturiano do Planta14 FSF. O equipo amesán impúxose este pasado sábado, no partido disputado no pavillón de Bertamiráns, por 9-2. Previamente, tamén gañaron en Langreo por 0-4. Deste xeito, acadan un ascenso histórico para este club que ten 19 anos de traxectoria.
O primeiro equipo do FC Meigas conseguiu este pasado sábado, 17 de xuño, o ascenso a categoría de prata do fútbol sala nacional feminino. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o partido de volta do play-off de ascenso á segunda división. O FC Meigas impúxose por 9-2 o equipo asturiano do Planta14 FSF.
Ao descanso o equipo amesán gañaba por 5-1. O FC Meigas púxose por diante no marcador cos goles de Belén Fernández (1-0) e Pauliña Pereiro (2-0). O Planta14 FSF recortou distancia no marcador co gol de Angy Nogueira en propia porta (2-1). Antes do descanso o equipo local marcou tres goles máis, grazas a Pauliña Pereiro (3-1), María Brea (4-1) e Tere Pereiro (5-1).
Mediada a segunda parte o FC Meigas volveu marcar outro dos goles a través de Alba Carreira (6-1) e de Angy Nogueira (7-1). Ana Vázquez marcou o 7-2 para o equipo asturiano. Antes de finalizar o partido o FC Meigas marcou dous goles máis. Navia Rendo puxo o 8-2 no marcador e Ana Vázquez en propia porta marcou o 9-2. Deste xeito, o FC Meigas conseguiu unha nova vitoria que supón o ascenso de categoría e prolongou a súa imbatibilidade como local durante esta temporada.
Cómpre lembrar que no partido de ida, disputado en Langreo o pasado sábado 10 de xuño, as xogadoras do FC Meigas gañaron 0-4 deixando encarrilada a eliminatoria. No computo global da eliminatoria o FC Meigas impúxose por un claro 13-2 a favor do equipo amesán.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destaca “a gran temporada feita polas xogadoras do FC Meigas que lle permitiu acadar o campionato da Preferente galega e conseguir o ascenso á segunda división nacional do fútbol sala feminino. Para Ames é un orgullo contar cun club como é o Meigas, que ademais de contar cun equipo de moito nivel, defende valores tan importantes como son o compañeirismo, a amistade, a solidariedade, o esforzo e o traballo en equipo. Son valores que compartímolos e defendemos plenamente dende a Concellaría de Deportes do Concello de Ames”.
Valoración da presidenta do FC Meigas
A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, destaca que “conseguir o ascenso a segunda división nacional é un recoñecemento e confirmación do bo traballo feito por todo o club e o equipo: xogadoras, corpo técnico e directiva. Acadamos isto da man do Concello de Ames que leva anos apoiando o noso proxecto moi de preto, e que fai que sexa un orgullo representar a Ames, levando ao Meigas todo o alto e lonxe que poidamos, sendo un referente no fútbol sala feminino a nivel formativo e competitivo”.
Paola Vignolo engadiu “este ascenso tamén significa para as nosas xogadoras e técnicos confirmar que con traballo, entrega e paixón podemos acadar os nosos soños. Dende o club apoiamos e impulsamos que cada unha medre acadando a súa mellor versión, a ilusión e a forza para avanzar. Non podo esquecer aos seareiros, familias, patrocinadores/as, e simpatizantes que co seu apoio dannos máis forzas e motivos polos que sentirnos orgullosos da súa entrega, sentimos que sofren e desfrutan ao noso carón. Temos por diante un novo reto, non nos permitiremos acomodarnos, a ambición que nos impulsa será o motor para o traballo que toca agora, conseguir recursos materiais e persoais que acompañen esta nova etapa”.