Pestanas principais

O goberno amiense aforrou máis de 350.000 euros durante os tres primeiros meses de mandato

Xoves, 29 de setembro de 2011

[29-09-2011] O equipo dos populares de Ames fixo hoxe unha valoración dos primeiros tres meses de goberno para dar conta do traballo realizado durante estes 100 días. Malia que a situación de partida non foi favorable posto que non houbo traspaso de poderes co cambio de goberno e os populares atopáronse cunha total desinformación, o equipo rexido por Santiago Amor fixo numerosos esforzos por frear o “desmesurado” gasto no que o anterior goberno socialista tiña involucrado ao Concello. Santiago Amor lembrou a situación de quebra técnica que sofre o Concello e lamentou que “o día a día deste Concello é que teñamos que recibir a empresas que nos veñen a preguntar por facturas que están sen pagar que agora non aparecen por ningún lado”. Amor lembrou tamén a asfixia que supuxo para Ames a ameaza da retención de 400.000 euros por parte do Goberno Central por non ter liquidada a conta no mes de marzo do ano pasado, unha responsabilidade que era de Carlos Fernández e que herdou o novo goberno. Ademais o rexedor amiense explicou que ao Concello lle queda unha débeda de 9 millóns de euros en cantidades pendentes de pago a provedores e entidades bancarias, así coma o 1.300.000 euros que hai que devolverlle ao Estado polos adiantos mal planificados que lle deu ao Concello no ano 2009.

O control do gasto durante estes primeiros meses de mandato fixo que o Concello poida aforrar máis de 1000 euros ao día. "As bases están postas e de aquí en diante empezaremos a ver os froitos do goberno municipal e os beneficios do control no gasto" engadiu o alcalde amiense.

Santiago Amor manifestou que dende o goberno a disposición para dialogar cos grupos da oposición é sempre boa, explicou que os membros do goberno se sentaron coa oposición en varias ocasións e que a disposición de dialogar e atender aos veciños e veciñas é tamén absoluta, en horario de mañán e de tarde.

Os adiantos máis importantes

Dous dos avances máis importantes levados a cabo polo grupo de goberno durante estes meses son o establecemento das bases para a creación dun CIM en Ames e que a localidade do Milladoiro terá mercado de rúa tódolos luns na Praza Manuel Murguía a partir de mediados do mes de novembro. Os arranxos en numerosos parques municipais, no paseo fluvial de Bertamiráns, a limpeza e o desborce en zonas do rural foron outras das actuacións mencionadas.

Importantes modificacións en materia de urbanismo

Ademais do alcalde amiense, na rolda de prensa, á que asistiron a maioría dos concelleiros, tamén interviu Ramón G. Argibay, concelleiro de Urbanismo, que explicou os avances máis salientables no seu ámbito de actuación. Segundo Ramón Argibay estase tramitando unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para cambiar a clasificación de máis de 20.000 metros cadrados no Milladoiro; trátase dunha superficie onde se situará o novo colexio de educación infantil e primaria desta localidade. Tamén se está tramitando unha modificación puntual do PXOM para a ordenación e obtención de 8.000 metros cadrados de equipamentos no Milladoiro, sen reducir as zonas verdes e de lecer.

Outro dos avances máis importantes en materia urbanística son os pasos cara adiante que se deron para dotar dunha nova escola infantil a Bertamiráns. No pleno que se celebrará este xoves, 29 de setembro ás 20.00 horas, debaterase o cambio de uso da parcela situada no polígono Rego dos Pasos Sur IV de cara a darlle inicio ao expediente de desafectación que permitirá levantar a infraestrutura no contorno do paseo fluvial.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El mercadillo de O Milladoiro se inaugurará en noviembre"
El Correo Gallego: "O goberno amiense aforrou uns 350.000 euros durante os tres primeiros meses de mandato"
La Voz de Galicia: "Santiago Amor prevé rendir cuentas con el Estado en dos días"