Pestanas principais

O Goberno amiense cumpriu os compromisos manifestados desde as primeiras reunións cos afectados pola taxa do lixo, como a rebaixa do 50% ou o fraccionamento ata doce meses

Venres, 14 de decembro de 2012

[14-12-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte a celebración dun pleno extraordinario a petición de máis da cuarta parte do número legal de membros da corporación. Na sesión, rexeitouse a reprobación do alcalde e do grupo de Goberno, a creación dunha mesa de negociación sobre a taxa do lixo e a posta en marcha dunha comisión plenaria para a creación dun regulamento de participación cidadá, no que o Goberno amiense xa traballa e que trasladará ao resto dos grupos.

Na sesión plenaria, que discorreu con normalidade, os grupos da oposición solicitaron a creación dunha mesa de negociación sobre a taxa do lixo no rural. Sobre esta cuestión, o alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo fincapé en que nos últimos sete meses leváronse a cabo varias mesas de negociación entre os membros do Goberno e os veciños e que en ningún momento houbo propostas alternativas ás que presentou o Executivo, achegando os afectados só unha tarxeta dun despacho de avogados. Santiago Amor destacou que desde o Concello se ofreceu colaboración para resolver a cuestión e aportáronse solucións.

O rexedor lembrou que, desde o mes de maio, o Goberno amiense presentou propostas e compromisos, tal e como quedou reflectido nas hemerotecas. Un deses compromisos firmes foi o da rebaixa da taxa de lixo no rural a partir de 2013, algo que se cumpriu e foi aprobado só cos votos do grupo popular no pleno de outubro. Nesas primeiras reunións, o Goberno tamén se comprometeu a estudar o fraccionamento das cantidades, algo que tamén cumpriu, permitindo o aprazamento ata en doce meses sen xuros.

Na súa intervención, o alcalde de Ames subliñou que neste momento o Concello está poñendo todos os medios materiais e técnicos para realizar as comprobacións das alegacións e recursos que se corresponden con vivendas que non reúnen as condicións de habitabilidade necesarias.

O rexedor recoñeceu que a situación non é agradable para ninguén, pero que o Goberno amiense ten a obriga de cumprir as leis. Destacou, ademais, que a oposición sabe que o arquivo do expediente é xuridicamente imposible e que non ofrece ningunha proposta ou alternativa.

Ademais, o alcalde subliñou que en todo momento o Goberno amiense tomou decisións tendo como base a seguridade xurídica, aínda que puntualizou que isto sexa algo que quizais a outros non lles guste.

Creación dun regulamento orgánico
Outro dos puntos da orde do día proposta polos grupos da oposición era a proposta para que se constituíse unha comisión plenaria para a elaboración dun regulamento de funcionamento interno municipal e outro de participación cidadá. Este punto foi rexeitado cos votos en contra do grupo popular e a favor do PSOE e dos non adscritos. O rexedor amiense avanzou que o Goberno xa está traballando na elaboración dun regulamento orgánico que se lle trasladará no seu momento aos grupos da oposición. Santiago Amor subliñou que non se entende necesario a creación dunha nova comisión cando xa existen mecanismos para tratar a creación deste regulamento, xa establecido no Concello.

Por último, os grupos da oposición solicitaban a reprobación do alcalde e do grupo de goberno. Este punto foi rexeitado cos votos en contra do grupo popular e a favor do grupo socialista e dos non adscritos. Ante as críticas dos grupos da oposición, o alcalde subliñou que o Concello non está paralizado e que, ao contrario, está traballando na actual situación económica e facendo moitos esforzos por manter programas e axudas. Destacou que o que se está facendo é resolvendo os problemas xerados por outros e buscando alternativas. En definitiva, dando pasos para encamiñar a situación económica.