[28-08-2015] O alcalde de Ames ben de solicitar unha reunión urxente con Ángel González del Río, Xefe de Demarcación de Carreteras en Galicia. O obxectivo desta xuntanza é o de estudar posibles medidas para a redución do tráfico da N550 ao seu paso polo Milladoiro e a viabilidade de crear unha travesía ou senda peonil que una esta localidade co concello de Santiago.
A Nacional 550 cruza polo medio do núcleo do Milladoiro e soporta diariamente unha media de tráfico de 30.000 vehículos. “Para o goberno de Ames é prioridade buscar o xeito de evitar que tal volume de tráfico siga cortando a localidade de Milladoiro en dous”, declara o alcalde de Ames, José Miñones, quen tamén matiza que o acordo entre as dúas administracións, o Concello de Ames e a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, é imprescindible para acadar unha solución que remate con este problema.
No canto da creación dunha travesía ou senda peonil que una Milladoiro con Santiago, o alcalde manifesta que “temos detectado por parte dos habitantes do Milladoiro que hai unha demanda de que se una Santiago con esta localidade de xeito que a veciñanza teña a posibilidade de ir andando”.José Miñones comenta tamén que o goberno é consciente de que a maior parte deste camiño circularía polo Concello de Santiago, polo que ten previsto tamén solicitar unha entrevista co alcalde de Santiago para abordar este tema.
Contido relacionado
Vía peatonal de consenso para acercar O Milladoiro y Santiago
Milladoiro-Santiago, ¿ruta peatonal?