Pestanas principais

O goberno de Ames dá conta do seguimento dos plans de contratación e publica a programación do Plan semestral de contratación do primeiro semestre de 2017

Sábado, 04 de febreiro de 2017

[04-02-2017] A finais de 2016 o goberno municipal publicou no Portal de Transparencia a programación do Plan semestral de contratación do primeiro semestre do ano 2017, no que tamén se dá conta do seguimento da execución rexistrada nos semestres anteriores. Dende a Concellaría de Economía e facenda tamén se fai balance dos expedientes de obras tramitados, dos contratos de servizos, contratos menores e dos convenios de colaboración subscritos.

Durante o ano 2016 desde o departamento de contratación tramitáronse 25 expedientes de obras correspondentes aos Plans da Deputación da Coruña, POS 2015, POS adicional 1/2014, PAI 2015, DTC adicional 1/2014, POS adicional 1/2015, PAS convenios, POS 2016, PAS 2015, PAI 2016 nos que se incluían obras de abastecemento e saneamento nas parroquias do rural, obras en instalación deportivas, accesibilidade de edificios, obras no Milladoiro e Bertamiráns e a reparación do cemiterio municipal de Ames que se porá en marcha en 2017.

Con respecto aos contratos de servizos tramitáronse as licitacións dos servizos de socorrismo, programa Amessan, escolas deportivas, Tesourería e recadación de taxas do Ciclo Integral da Auga, Lacería, Servizo Axuda no Fogar, contrato administrativo especial de explotación da cafetería da Casa de Cultura do Milladoiro, así como a prórroga de Bos días Cole, prevención de riscos, limpeza viaria, limpeza instalacións municipais, colaboración xestión tributaria, servizo monitoraxe comedores….. Pero a licitación máis complexa foi a do contrato de xestión dos servizos públicos do Ciclo Integral da Auga (CIA) que se adxudicou o pasado 29 de decembro á Empresa Espina e Delfín e que comezará a finais de febreiro deste ano.

Tamén se formalizaron durante o pasado ano 91 contratos menores dándoselle cobertura contractual a servizos que non a tiñan como control de pragas e lexionela, servizo retirada vehículos abandonados… Asemade, asináronse 22 convenios de colaboración durante o ano 2016 con distintas entidades: banco de alimentos Rías Altas, Unión de consumidores e Usuarios, Médicos do mundo, Consellería do Medio Rural, Consorcio Galego de Benestar, Servizo Galego de Saúde para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro, centro integrado de formación…

Publicación dos contratos menores e convenios
Afondando na transparencia, cómpre destacar que durante o ano 2016, incluíronse no portal da transparencia, os datos dos contratos menores que o Concello formalizou coas distintas entidades/empresas, así coma os convenios de colaboración subscritos coas distintas entidades e/ou organismos e os contratos privados.

A maiores esta nova información que se proporciona dos contratos menores e convenios formalizados, tamén se publicou de xeito separado na páxina de transparencia proporcionando toda a información detallada (data formalización, obxecto contrato/convenio, tipo, área, adxudicatario, inicio contrato, fin contrato, importe…).

A concelleira de Economía, Genma Otero, manifesta que “é a primeira vez no noso Concello que se publican os datos dos contratos menores e convenios formalizados polo Concello de Ames, publicándose no Portal de Transparencia toda a información de xeito detallado tanto do ano 2015 coma do 2016. Desde a entrada deste goberno houbo un impulso importante do departamento de Contratación incrementando notablemente o número de expedientes tramitados, por iso, temos que manifestar o noso agradecemento ás traballadoras/es do departamento que fan posible que estes expedientes saian adiante xunto co traballo conxunto doutros departamentos do Concello”.