Pestanas principais

O goberno de Ames proporá ampliar as bonificacións nas ordenanzas municipais e incorporar unha nova taxa para os caixeiros das entidades bancarias no próximo pleno

Sábado, 24 de outubro de 2015

[24-10-2015] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa das propostas do executivo amesán para a modificación das ordenanzas municipais de cara ao exercicio 2016, establecendo medidas de fiscalización progresivas que permiten unha redistribución dos recursos e incorporando novas bonificacións para apoiar a determinados sectores desfavorecidos (familias numerosas, parados/as), así como para potenciar as políticas socias, de promoción do emprego e de mellora do medio ambiente e desenvolvemento sostible.

Como xa se anunciou hai uns días o goberno municipal vai reducir a carga fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI), mantendo a porcentaxe do 0,44% establecida na ordenanza, e poñendo fin á taxa do 0,5% que se estaba a aplicar nos últimos 4 anos. Esta proposta será levada ao pleno deste mes de outubro.

Como novidades incorpóranse o recargo do 25% da cota para inmobles desocupados polo menos durante dous anos, unha bonificación dun 90% para as familias numerosas con todos os membros en paro e que non perciban prestacións, e unha bonificación do 50% e 25% o primeiro e segundo ano en inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

Por outra banda, o goberno amesán propón incorporar dúas novas bonificacións na ordenanza do imposto de actividades económicas (IAE). A primeira é para fomentar a creación do emprego bonificando a cota tributaria segundo se incremente o número de empregados con contrato indefinido. Así, preténdese establecer tramos (incremento de entre un 5% e 10% bonificación dun 15%; máis dun 10% e ata un 20% bonificación dun 30% da cota; e máis dun 20% de incremento bonificación dun 50%).

Outra novidade é incorporar a bonificación dun 50% o primeiro ano e dun 25% o segundo ano, para todos os establecementos que utilicen ou produzan enerxía a partir de instalacións de aproveitamento de enerxías renovables ou sistema de coxeneración.

Ordenanza do IVTM e terrazas
Na ordenanza do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) vaise propoñer a modificación dos coeficientes en función da potencia dos vehículos, gravando cun coeficiente maior aos vehículos con máis potencia, aplicando o 1,4 e 1,5. O Concello de Ames é un dos concellos que está a aplicar o coeficiente máis baixo (1,3 dentro dun máximo de 2).

Ademais, na ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa vanse modificar os períodos das temporadas reducindo de 6 meses a 4 meses a temporada alta e aumentando de 6 meses a 8 meses a temporada baixa, co cal, como se aplican distintas tarifas segundo temporadas, esta medida vai supoñer unha rebaixa do importe anual que están a pagar os hostaleiros, xa que se paga máis en período de temporada alta.

Nova ordenanza para os caixeiros
Outra das novidades é que se vai incorporar unha nova ordenanza que establece unha taxa para as entidades bancarias pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local con caixeiros automáticos, establecendo unha taxa de 709,88 euros/ano por caixeiro.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “con todas estas modificacións que propoñemos, o goberno amesán aposta por unha política fiscal social, progresiva e redistributiva, que ten como obxectivo principal axudar a determinados colectivos desfavorecidos (familias numerosas, parados..), así como primar as políticas medioambientais e de promoción do emprego”.

O alcalde de Ames, José Miñones, afirma que "con estas oito medidas de carácter económico damos cumprimento a ese compromiso acadado dende o Goberno tripartido e centramos as nosas prioridades nos veciños e veciñas de Ames".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello quiere fijar una tasa de 710 euros por cada cajero"