- Tematica
O Mitma aprobou definitivamente o proxecto de mellora da intersección da estrada N-550 coa SC-20 cun presuposto base de 592.196 euros e continúa na redacción do proxecto de construción, despois do cal se procederá á licitación das obras. A realización deste proxecto fará posible a diminución do número de manobras da condución, minimizando a posibilidade de colisións laterais e frontais, o que permitirá unha mellora da seguridade viaria na intersección e no entorno.
As actuacións comprendidas no proxecto son a transformación do ramal de saída dende a AG-56 cara a SC-20 nun carril trenzado que se perde ao chegar á glorieta e a remodelación da intersección do lugar de Cruxeiras mediante a supresión do ramal de entrada dende a glorieta ao viario de acceso ao lugar de Cruxeiras e a posterior remodelación da intersección do lugar de Cruxeiras e o cambio de sentido da estrada N-550 á altura do km 67,700, sendo a distancia a recorrer 1.200 metros.
Este investimento do Goberno de España súmase aos 5,1 millóns de euros polos que esta administración vén de licitar a travesía do Milladoiro na estrada N-550, e que xuntos suman unha cantidade nunca antes investida neste núcleo nin no Concello de Ames por unha administración, aproximadamente 5,7 millóns de euros.
Este último proxecto, que leva en licitación varias semanas, está en risco de ser ralentizado ou paralizado pola Xunta de Galicia debido ao anuncio no día de onte de interporá un recurso. “O proceso de licitación acaba o día 24 deste mes, non entendemos os motivos de anunciar a estas alturas que van poñer un recurso e, moito menos, as formas”, declarou hoxe o alcalde ao medios, e continúa “a Xunta debe deixar transcorrer esta humanización como debe. Non nos parece xusto argumentar razóns ambientais cando o que queren é que o Estado os compense economicamente ou comezar a campaña electoral facéndolle oposición ao Goberno”. O rexedor avisa de que “usar o futuro de Ames como instrumento de presión é facerlle oposición a Ames. Non imos permanecer ao marxe”.
O Goberno Local de Ames reitera a intención de manter unha xuntanza co presidente da Xunta, para que lles proporcione de primeira man as explicacións pertinentes e poder instalo que rectifiquen no seu empeño paralizar esta obra. “Dende fai un tempo estásenos a negar unha reunión, así que hoxe animo a Alfonso Rueda a que recapacite e nos chame para arranxar este problema. A actuación unilateral da Xunta, coa que sempre tivemos unha boa relación institucional, non vai traer beneficio de ningún tipo”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El Ministerio de Transportes aprueba la variante a la rotonda de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Aprobado el trazado del enlace de O Milladoiro con el periférico en Santiago"
Lindeiros: "O Ministerio de transportes aproba o proxecto de remodelación da rotonda do Milladoiro"
Ames Go: "O Estado investirá 600.000 euros na mellora da intersección da N-550 coa SC-20 en Cruxeiras"