[13-09-2017] O goberno municipal reuniuse a semana pasada cos delegados do persoal municipal do Comité de seguridade e saúde. Tratouse da xuntanza trimestral que hai que celebrar tal e como marca a lei. Nesta reunión abordouse a situación das medidas contra incendios nas dependencias municipais (plan e proposta), así como do organigrama preventivo enviado á inspección de Traballo. Outros asuntos tratados foron as medidas correctoras analizadas na avaliación de riscos, a impartición de cursos formativos, o reparto de roupa de traballo entre o persoal municipal e a realización dos recoñecementos médicos de 2017.
Por parte do goberno asistiron a dita reunión; o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo. Do Comité de seguridade e saúde acudiron dous delegados e da do servizo de prevención estiveron presentes dous representantes.
A reunión comezou dando conta das melloras que se realizaron no Concello de Ames en materia de seguridade e saúde e das actuacións que están pendentes de executar. De seguido, abordouse o organigrama de recursos preventivos, do cal están pendentes de asignar os postos de dito organigrama, unha cuestión que está ligada a segunda fase da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Dentro de dito organigrama, estase traballando na modificación da estrutura de persoal para determinar as funcións en materia de prevención.
Outras temas que se trataron foron a impartición de cursos de formación en materia preventiva entre o persoal municipal da brigada de obras. Deste xeito, impartíronse cursos de manexo de motoserra e de EPIS para as 10 persoas, perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia, que foron contratadas polo Concello de Ames a través dunha subvención de 101,640,70 euros da Xunta de Galicia. Por último, falouse do seguimento do protocolo de actuación no reparto e distribución da roupa de traballo entres os traballadores/as municipais e dos recoñecementos médicos de 2017.