Pestanas principais

O Goberno está traballando na apertura do cemiterio, na licitación do novo contrato do ciclo integral da auga e na construción dun novo centro de saúde no Milladoiro

Mércores, 23 de setembro de 2015

[23-09-2015] Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha rolda de prensa na que o alcalde, José Miñones, e os voceiros do PsdeG-PSOE, Blas García, de Contigo Pódese, Genma Otero, e do BNG, David Santomil, realizaron un balance dos primeiros 100 días de traballo. Durante este tempo o executivo amesán puxo en marcha a comisión do ciclo integral da auga, reuniuse co conselleiro de Educación e coa conselleira de Sanidade para acelerar a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro, así como co presidente da Deputación da Coruña, para intentar buscar vías de financiamento para abrir o cemiterio municipal, e co director de Augas de Galicia, para abordar a apertura da ETAP de Ponte Maceira.

Durante estes primeiros meses de mandato o goberno municipal centrouse principalmente nos ámbitos educativos, sanitario, medio ambiental, urbanístico, social e económico. Un dos contratos máis importantes que terá que resolver nos próximos meses o goberno municipal é o do ciclo integral da auga. Para abordar este tema xa se celebraron varias xuntanzas da comisión do ciclo integral da auga co obxectivo de buscar unha fórmula de xestión concreta e que, se é posible, sexa pública. Ademais, o goberno municipal mantivo unha xuntanza co grupo TRAGSA, para estudar a posibilidade de que asuman unha encomenda de xestión do ciclo integral da auga durante un prazo de dous anos. Neste período realizaríanse os estudos necesarios para comprobar se é posible municipalizar o devandito servizo.

Outro dos contratos máis importantes que rematan proximamente (marzo de 2016) é o da xestión do lixo. Para abordar este tema o goberno municipal mantivo unha xuntanza coa presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, María Teresa Villaverde, e coa secretaria desta entidade. Neste encontro tratáronse varios temas. Entre eles o goberno municipal está barallando varias opcións de cara a finais de ano, xa que remata contrato con esta entidade. Unha das opcións que se barallan é pasar a ser socio de pleno dereito desta mancomunidade, xa que Ames representa o 35% da devandita mancomunidade.

Centro de saúde do Milladoiro
No ámbito sanitario o goberno municipal mantivo un encontro coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para abordar a posibilidade de construír un novo centro de saúde no Milladoiro e realizar unha reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns, co obxectivo de buscar novas áreas no edificio. Nesta xuntanza a Xunta de Galicia amosou o seu interese por dotar á localidade do Milladoiro dun novo centro de saúde.

Para avanzar neste tema, a vindeira semana o goberno municipal reunírase co vicepresidente da Xunta de Galicia, para abordar a reversión da parcela do Milladoiro que estaba destinada a construción do parque comarcal de bombeiros. O obxectivo é que nesta parcela se poda construír o novo centro de saúde.

O rexedor municipal destacou que “foron 100 días de traballo intenso nos que se executaron máis de 200 feitos e acordos. Así, xa se cumpriron a maioría dos puntos que se recollían no documento asinado por parte das forzas políticas de esquerdas e que estaban vinculados ao acordo do pleno de investidura”. José Miñones tamén resaltou a “transparencia, a confianza e o diálogo como piares do traballo que está realizando o goberno municipal”.

Elaboración dun novo orzamento
No eido económico estase traballando na elaboración dun novo orzamento que se levará ao Pleno durante o primeiro trimestre de 2016. Segundo explicou Genma Otero “estamos estudando varias fórmulas para que os veciños e veciñas poidan participar na confección destes presupostos. Queremos que sexan uns orzamentos participativos”.

Ademais, estase traballando na liquidación do exercicio 2014 co obxectivo de que se poida levar ao pleno de novembro ou decembro. A concelleira de Economía e Facenda tamén está mantendo unha rolda de negociacións coas entidades bancarias que teñen sede en Ames co obxectivo de acadar unha operación de reestruturación da débeda do Concello. Por último, destacouse que se está levando a cabo unha revisión do plan semestral de contratación e das ordenanzas municipais.

A concelleira de Economía e voceira de Contigo Pódese, Genma Otero, incidiu en que “dende a chegada deste goberno a Casa do Concello pasou a ter as portas abertas para atender a todos os veciños e veciñas. Un das nosas prioridades era atender a todas as persoas que se achegan por aquí para dar resposta as súas inquedanza e consultas”.

Ámbito educativo
No ámbito educativo realizáronse varias xestións de cara a mellora dos centros de ensino amesáns. Para iso mantívose unha xuntanza co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para tratar varios temas relacionados co eido educativo en Ames. Ademais de asinar un convenio, a través do cal a Xunta achegará 181.000 euros para sufragar unha parte do custo da Rede Municipal de Comedores Escolares, nesta xuntanza tratáronse temas como o da seguridade viaria, o transporte escolar, os problemas de dotación de material e equipamentos, así como a ampliación e posible construción de novos centros escolares en Ames.

Grazas a este traballo xa se retirou a estrutura da pasarela que estaba colocada na estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira; dotouse ao IES do Milladoiro do material tecnolóxico que viñan reclamando; comezouse coa licitación para dotar dunha cafetería a este instituto; e está funcionando correctamente o servizo do transporte escolar.

Seguindo a liña de diálogo e transparencia o goberno municipal tamén se reuniu con representantes das nove ANPAS dos centros de ensino públicos do Concello de Ames, para analizar a relación de necesidades educativas que tiñan de cara ao curso 2015-2016. Tras este encontro xa elaborou o primeiro plan integral de mantemento dos centros escolares de Ames, que está encadrado dentro do Observatorio municipal de educación, a través do cal se vai facer un seguimento das necesidades que presenta cada centro educativo. Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso electoral dos tres grupos políticos, que forman o grupo de goberno, de poñer a brigada municipal de obras á disposición dos centros de ensino públicos de Ames.

O concelleiro de Educación e Cultura, así como voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, valorou de xeito moi positivo estes primeiros 100 días de goberno e engadiu que “se está demostrando que este goberno está traballando con sinceridade ante os veciños e que existe unha gran confianza entre os seus membros, algo que é fundamental para poder gobernar entre varios partidos políticos”. Ademais deulle unha gran importancia ao diálogo e a comunicación a hora de gobernar. Por último Santomil, explicou que “xa se elaborou un borrador para dispor dun Consello escolar municipal no que estará representado a corporación municipal e as ANPAS. Este órgano servirá para ter unha visión global da política educativa do noso concello”.

Creación dunha bolsa de de vivenda
No ámbito social tamén cómpre destacar que durante este verán un grupo de 21 rapaces e rapazas en risco de pobreza e exclusión social puideron participar no servizo da Escola de Verán e dispuxeron do servizo de comedor. Neste mesmo eido, celebrouse a primeira sesión da comisión de desafiuzamentos do Concello de Ames e estase traballando en colaboración coas entidades bancarias do concello na creación dunha bolsa de vivenda para persoas sen recursos.

No apartado de urbanismo e obras, o concelleiro delegado desta área e voceiro do PsdeG-PSOE, Blas García, explicou que “se levaron a cabo unha serie de medidas no departamento de Urbanismo encamiñadas á axilización de trámites e a mellora da información e o contacto coa cidadanía. Algunhas das medidas postas en marcha foron a ampliación do horario de atención cidadá e a creación dun Rexistro específico nas propias dependencias deste departamento para reducir o tempo de tramitación de expedientes”.

Por outra banda, dende esta mesma área estase traballando para dotar de máis persoal á brigada municipal de obras co obxectivo de externalizar o menor número posible de traballos e que sexan executados por esta brigada. Tamén se vai a elaborar unha nova ordenanza da auga co obxectivo de premiar o aforro no consumo de auga. Deste xeito, estase estudando a modificación das tarifas do abastecemento de auga para que os abonados e abonadas paguen pola auga que consumen. Na actualidade hai fixada unha cota mínima mensual de 15 m3, tarifa que ao goberno de Ames lle parece excesiva e inxusta para os usuarios/as, xa que non fomenta o aforro da auga, dado que paga o mesmo unha vivenda que consume 3 m3/mes que unha que consume 15 m3/mes.

Por ultimo, dende o goberno municipal agradeceron o traballo feito durante este tempo polos funcionarios/as e traballadores/as municipais, porque grazas a eles xa puideron saír adiante moitos proxectos que estaban pendentes de executar.