Pestanas principais

O Goberno inicia un proceso de participación para redactar a convocatoria de subvencións de cultura e festas do 2016

Martes, 22 de marzo de 2016

[22-03-2016] O Goberno Municipal, a través da concellaría de Educación e Cultura, iniciou onte en Bugallido unha rolda de reunións coas asociacións culturais, de festas e de veciños. O obxectivo destas xuntanzas é o de abrir un proceso de participación que permita escoitar as ideas e as suxestións da veciñanza e telas en conta á hora de elaborar as bases das subvencións públicas. Na reunión de onte, á que acudiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e representantes da Asociación Cultural A Maia e da Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, falouse do proxecto "Bugallido na memoria: 1976-2016" e dos programas de Festas do 2016 e do uso do local sociocultural da parroquia para a realización de actividades municipais.

Na primeira destas reunións levada a cabo en Bugallido falouse do proxecto "Bugallido na memoria: 1976-2016". O proxecto consiste en recoller entre a veciñanza información, fotos e documentos sobre a vida na parroquia ao longo das últimas catro décadas e amosalo despois publicamente a través dunha exposición e a edición dun libro. Ademais ese material servirá tamén para comezar a dotar de contido o Arquivo Histórico de Ames, situado na capela do Pazo da Peregrina, recuperada para tal fin polo actual goberno de Ames.

Proxectos de recuperación da memoria e da identidade similares ao de Bugallido poderán realizarse noutras parroquias do Concello coas que o goberno ten tamén previsto reunirse neste mes de marzo. “Queremos recuperar a identidade das parroquias mediante exposicións e publicacións deste tipo, que encaixen en actuacións subvencionables e que son necesarias para dotar de contido o Arquivo Histórico de Ames”, manifesta David Santomil, concelleiro de Educación e Cultura, quen tamén insiste na necesidade de escoitar ás asociacións e facelas participes da redacción das bases para a convocatoria de subvencións de cultura e de festas: “Trátase de saber que queren e que necesitan en cada parroquia de xeito que poidamos ir dándolle a volta ao calendario de subvencións para publicar a convocatoria antes da realización das actividades", algo que entende como "básico, para o funcionamento de calquera asociación ou colectivo".

Na reunión de Bugallido falouse tamén do programa de Festas do San Isidro, previstas para o 15 de maio, e abordáronse varias iniciativas para o uso do local sociocultural da parroquia.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Os amesáns van poder participar nas bases para as subvencións locais"
La Voz de Galicia:"Ames promueve la recuperación de la historia reciente de sus parroquias"