Pestanas principais

O goberno municipal acorda estimar os recursos presentados polas ANPAS á convocatoria de subvencións de 2015

Sábado, 10 de xuño de 2017

[10-06-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a estimación dos recursos de reposición interpostos polas secretarias e presidentas/es da Asociación de Nais e Pais da Escola Infantil A Madalena, Asociación de Nais e Pais do CEIP Agro do Muíño, ANPA do CEIP A Maía e ANPA Millapeques da EEI Milladoiro contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada o 11 de agosto de 2016, sobre a aprobación das xustificacións presentadas en relación á convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS no exercicio 2015. Nos vindeiros días comunicaráselle a cada ANPA a resolución dos recursos interpostos.

O goberno municipal acordou estimar parcialmente os devanditos recursos tendo en conta as dificultades da interpretación da convocatoria de subvencións para as ANPAS de 2015, que foi modificada polo anterior goberno municipal no ano 2014. Dita modificación supuxo establecer novas limitacións para optar á concesión destas axudas municipais, principalmente no que se refire á valoración das solicitudes, pero máis especificamente á valoración dos criterios de publicidade e cofinanciamento.

Estas esixencias supuxeron que as ANPAS visen reducido o importe o que podían optar e polo tanto foi obxecto de recurso por parte de ditas entidades. Debido a iso o goberno municipal fixo un importante esforzo para resolver estes recursos. Ademais, acordou modificar o texto da convocatoria desta subvención para o exercicio 2016 (tanto no que se refire á valoración de solicitudes como dos criterios de publicidade e cofinanciamento) para que se axuste á lei de subvencións.

Unha vez xa están resoltos estes recursos, nas vindeiras semanas publicarase a nova convocatoria para os gastos realizados no exercicio 2016. O texto desta convocatoria de axudas foi acordado e consensuado nun proceso aberto de participación coas diferentes ANPAS municipais. Asemade, a dotación orzamentaria desta liña de subvencións está incluída dentro do presuposto de 2017, aprobado de xeito definitivo no pasado pleno ordinario de maio, e dentro do Plan estratéxico de subvencións, que foi aprobado nesa mesma sesión plenaria.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Aceptan los recursos de las ANPA de Ames contra las limitaciones a sus ayudas"