Pestanas principais

O goberno municipal consegue o compromiso da Xunta para que a nova escola infantil de Bertamiráns comece a funcionar de cara ao vindeiro curso escolar

Martes, 03 de novembro de 2015

[03-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantiveron unha xuntanza co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez. Nesta reunión abordáronse varios temas pero o máis salientable é que o goberno municipal conseguiu o compromiso da Xunta de Galicia para que a nova escola infantil de Bertamiráns comece a funcionar de cara ao vindeiro curso 2016-2017. Ademais, o goberno municipal chegou a un principio de acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para subscribir un convenio único para a xestión das dúas escolas infantís da Rede A Galiña Azul que haberá en Ames.

Características da escola infantil
Esta infraestrutura está situada nunha parcela que se atopa na rúa do Muíño, preto do paseo fluvial de Bertamiráns. A parcela onde se está xestionando esta nova escola infantil dispón de 3.389 metros cadrados e a superficie total construída é de 656,35 metros cadrados. O importe de execución desta obra ascende a uns 736.000 euros, asumido nun 60% polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o 40% restante polo Concello de Ames.

As 82 prazas do centro educativo distribuiranse en seis aulas, dúas para cada grupo de idade. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 m2; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unha dimensión de 36 m2. O inmoble está deseñado en planta baixa. Ao sur estarán as aulas e na zona norte haberá unha sala de usos múltiples, unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos, unha sala para o profesorado e un despacho para a dirección do centro.

Estado de liquidación do período 2010-2013
Outro dos asuntos tratados neste encontro foi o estado de liquidación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar correspondente ao período 2010-2013. O Concello de Ames asume o 30% do gasto corrente do funcionamento da escola infantil As Figueiras, pero nos últimos catro anos non se efectuou o pagamento destes importes contraendo unha débeda de 420.054,68 euros.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, indica que “existe o compromiso de comprobar o estado desta liquidación. Dende o Concello presentaremos as alegacións que estimemos oportunas, pero intentaremos chegar a un acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para pagar esta débeda que deixou pendente de pago o anterior goberno”.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a apertura deste novo centro de ensino infantil é unha necesidade urxente e non podemos seguir agardando máis. Temos o compromiso firme da Xunta de Galicia de que abrirá o prazo de matrícula en marzo de 2016. No que vai de ano 2015 naceron máis de 250 nenos e nenas en Ames. Somos o concello de Galicia con maior crecemento demográfico e son moitas as necesidades de equipamentos educativos. Actualmente na escola infantil municipal O Bosque hai máis de 50 nenos e nenas en listaxe de agarda".

Nesta xuntanza o goberno municipal conseguiu o compromiso da Xunta de Galicia para que a nova escola infantil de Bertamiráns comece a funcionar de cara ao vindeiro curso 2016-2017. Deste xeito, durante o vindeiro mes de marzo abrirase un prazo para presentar as correspondentes solicitudes co fin de poder optar a unha praza nesta escola infantil. Posteriormente, abrirá as súas portas no mes de setembro coincidindo co inicio do curso.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “coa posta en funcionamento desta nova escola infantil diminuirá a necesidade de prazas que ten agora mesmo a veciñanza amesá. Ames é o concello de Galicia coa idade media máis baixa e somos líderes en nacementos a nivel galego. No que levamos de ano xa naceron 251 rapaces e rapazas no noso municipio. Isto é unha clara mostra do crecemento vexetativo que temos na actualidade, o que supón que temos que reforzar os servizos municipais para os máis novos”.

Ademais, o goberno municipal chegou a un principio de acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para subscribir un convenio único para a xestión das dúas escolas infantís da Rede A Galiña Azul que haberá en Ames: a nova escola de Bertamiráns e a escola infantil As Figueiras, que leva funcionando dende o ano 2010 na localidade do Milladoiro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La escuela infantil de Bertamiráns abre el próximo curso con 82 plazas"
El Correo Gallego: "La nueva guardería va a abrir el próximo curso"