Pestanas principais

O goberno municipal convoca as novas bases de subvencións culturais e de festas para o ano 2016

Sábado, 25 de xuño de 2016

[25-06-2016] O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, as bases das convocatorias de dúas liñas de axudas: a de promoción de actividades levadas a cabo polas asociacións culturais e a de festexos tradicionais. En total, destinarase 69.500 euros ao impulso e promoción de actividades culturais e festas populares no municipio amesán. A convocatoria de axudas para a promoción das actividades culturais está dotada de 40.000 euros, mentres que a convocatoria de axudas para a celebración de festexos populares conta con 29.500 euros. Previamente, abriuse un proceso participativo para que a veciñanza puidera facer as súas achegas e mellorar estas convocatorias de axudas, que para este exercicio introducen varias modificacións.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "tiñamos o compromiso de elaborar unhas novas bases para adaptalas á realidade e ás necesidades das asociacións e comisións de festas. Incrementamos un 10% o importe subvencionable para actividades culturais e duplicamos o importe asignado a festas nas parroquias de menos de 500 habitantes".

O goberno municipal abriu un proceso de participación que permitira escoitar as ideas e as suxestións da veciñanza e telas en conta á hora de elaborar as bases das subvencións públicas. Unha vez rematada estas reunións coas asociacións de veciños e coas comisións de festas os técnicos municipais elaboraron as bases destas convocatorias de axudas para o ano 2016, que para este exercicio introducen varias modificacións.

O principal cambio que se introduciu na convocatoria de axudas para actividades culturais é que se incrementa o importe subvencionable ata o 80%, de xeito que o Concello pode financiar 8 de cada 10 euros investidos polas asociacións culturais. Isto supón un incremento do 10% en relación ás convocatorias de anos anteriores. No caso de non esgotarse o crédito redistribuirase de xeito proporcional o remanente entre as entidades beneficiarias da subvención.

Ademais, redúcese o importe mínimo a xustificar do 50% ao 30%, de maneira que se algunha asociación non pode realizar a actividade prevista na súa totalidade podará percibir igualmente a subvención sempre que se xustifique cando menos unha terceira parte do proxecto solicitado, coa minoración correspondente. Ao igual que en anos anteriores o importe asignado a esta convocatoria de axudas é de 40.000 euros.

Subvención de festas nas parroquias
Na convocatoria de axudas para festas populares e parroquiais tamén se fixeron unha serie de modificacións. Deste xeito, realizouse unha actualización do censo de habitantes das parroquias e estableceuse unha nova distribución para facilitar as achegas ás parroquias con menos poboación, duplicando o importe asignado de 500 e 1.000 euros, aplicable ás parroquias de Agrón, Ameixenda, Lens, Piñeiro, Tapia e Trasmonte.

Por outra banda, nas parroquias de tamaño medio, de ata 3.000 habitantes, o importe ascende a 2.500 euros, o que supón un incremento do 25% en relación a anteriores convocatorias; e nos núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns, increméntase ata un máximo de 8.000 euros. Ao igual que en convocatorias anteriores o importe asignado a esta convocatoria de axudas é de 29.500 euros.

Ao igual que na convocatoria de actividades culturais redúcese o importe mínimo a xustificar do 50% ao 30%, de maneira que se algunha asociación non pode realizar a actividade prevista na súa totalidade poida percibir igualmente a subvención sempre que se xustifique cando menos unha terceira parte do proxecto solicitado, coa minoración correspondente. No caso de non esgotarse o crédito tamén se redistribuirá de xeito proporcional o remanente entre as entidades beneficiarias da subvención ata o máximo asignado a cada parroquia.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes a estas dúas liñas de axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Destinan a cultura y festejos casi 70.000 € en subvenciones"