- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, vén de asinar cos/coas representantes das seccións sindicais con representación no Concello de Ames (UGT, CSIF, CIG e CCOO) un acordo para a realización dun estudo, avaliación e actualización da Relación de Postos de Traballo actual. Esta é unha das reivindicacións máis importantes feitas pola representación sindical durante os últimos anos, manifestada tanto polas diferentes seccións sindicais coma polo Comité de Empresa e a Xunta de Persoal. A Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde o ano 2016 realizáronse 11 modificacións puntuais da RPT para adaptala á realidade do cadro de persoal municipal.
O Goberno municipal e mailos/as representantes das seccións sindicais con representación no Concello de Ames acaban de asinar un acordo co obxectivo de dar resposta á realidade actual do cadro de persoal do Concello de Ames e realizar un estudo, avaliación e actualización da Relación de Postos de Traballo actual. A través de dito acordo reflíctese o compromiso do Goberno actual e das seccións sindicais de UGT, CSIF, CIG e CCOO.
Deste xeito, en dito acordo recóllese que nos orzamentos de 2023, que acaban de ser aprobados de xeito inicial pola Corporación municipal no pleno extraordinario celebrado o 21 de decembro, habilítase unha partida de 60.000 euros para a revisión e modificación da RPT actual e mailo compromiso de habilitar, se dito crédito resulta insuficiente, un suplemento de crédito para afrontar os gastos derivados da modificación da RPT ata acadar o 40% do montante total.
Ademais, existe o compromiso de que para o orzamento de 2024 se habilitará a partida necesaria para afrontar o 30% do montante total de dita modificación da RPT. O 30% restante do montante total de dita modificación da RPT habilitaríase a través dunha partida no orzamento de 2025.
Modificacións da RPT
Por outra banda, no acordo asinado recóllese que se van a realizar as seguintes modificacións. No ano 2023 vaise abordar a revisión dos factores que determinan o número de puntos correspondentes ao complemento de destino e complemento específico de todos os postos do cadro de persoal municipal en base á estrutura actual de puntos existentes, adaptándoos á realidade actual. Deste xeito, determinarase o montante económico necesario para facer a adaptación requirida, sendo dito montante o obxecto de dito acordo.
No ano 2024 e posteriores está previsto establecer un novo organigrama de postos, creando aqueles que sexan necesarios para poder poñer en marcha a carreira profesional dos traballadores/as. Esta modificación será obxecto doutro montante económico distinto ao do punto 1 e o crédito necesario para afrontar o gasto que se derive desta modificación distribuirase para cada exercicio orzamentario do mesmo xeito que o establecido para o punto anterior.
Xestión en materia de persoal
O alcalde, Blas García, destaca que “nos últimos anos estamos facendo xestión en materia de persoal, algo que levaba moitos anos sen realizarse e que era moi necesario para tratar de ordenar o cadro de persoal do Concello de Ames. No ano 2016 aprobamos en Pleno a modificación da Relación de Postos de Traballo que era necesaria para adaptala ao marco legal existente. A partir de aí aprobáronse 11 modificacións puntuais da RPT para adaptala á realidade do cadro de persoal municipal. Agora toca facer unha revisión e actualización en profundidade, algo que se viña demandado durante os últimos anos polos representantes sindicais do persoal municipal e ao que lle daremos cumprimento”.
O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explica que “trátase dun acordo frutífero e beneficioso para ambas partes. Este compromiso alcanzado redundará nunha mellor organización do traballo, moito máis adaptada á realidade funcional dos diferentes postos de traballo, o que tamén na práctica traducirase nuns mellores servizos públicos para a cidadanía”.
Os presidentes do Comité de Empresa, Rubén Ramos, e da Xunta de Persoal, Juan Lemos, destacan que “temos unha RPT obsoleta e que non reflicte a realidade actual dos traballadores e traballadoras municipais e que estivo sometida a diferentes modificacións parciais, pero non a unha transformación e adaptación a realidade que vivimos. Agora quédanos traballo por diante para afrontar o compromiso adquirido e traballar para configurar unha RPT adaptada á actualidade, trazando unha folla de ruta que nos leve a acadar o fin que buscamos”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Asinouse un acordo para actualizar a RPT amesá"