Pestanas principais

O goberno municipal elabora un plan de transparencia que dea cumprimento á Lei e aos compromisos acadados na investidura e no programa de goberno

Mércores, 24 de febreiro de 2016

[24-02-2016] O goberno municipal levará ao pleno ordinario deste mes de febreiro, que se desenvolverá este xoves 25 de febreiro, unha proposta para a aprobación inicial da ordenanza de transparencia, acceso á información pública e a reutilización de datos do Concello de Ames. Esta ordenanza enmárcase dentro dun plan de transparencia, que se está elaborando, e a través do cal se dará cumprimento á Lei e aos compromisos acadados no acto de investidura e no programa de goberno. Un paso máis no plan de transparencia é a realización dun código ético e de bo goberno, que se está a redactar, e onde se recollen as bases de bo goberno polas que se deberá rexer a corporación e o goberno municipal.

O plan de transparencia, que puxo en marcha o goberno municipal, comezou coa elaboración do Portal de Transparencia ao cal se pode acceder a través dun banner que está colocado na web municipal. A súa creación obedece, fundamentalmente, a dous dos propósitos da Lei de transparencia: facilitar á cidadanía o acceso á información de interese público e incrementar a transparencia da actividade dos organismos administrativos locais e do seus responsables. O goberno de Ames dá conta así dos seus actos, especialmente no referido ao uso do diñeiro público, e permite coñecer mellor o funcionamento interno da institución.

A información preséntase agrupada en tres bloques diferenciados: información institucional, organizativa e de planificación; información de relevancia xurídica e información económica, orzamentaria e estatística. Para o alcalde, José Miñones, “o programa de goberno dos grupos municipais apostaba por facer pública toda a información interna, e deste xeito cumprimos co compromiso adquirido para a investidura como alcalde no pasado mes de xuño”.

Outra das liñas de actuación enmarcadas dentro do plan de transparencia foi establecer unha axenda pública dos concelleiros de goberno a semana vista. Deste xeito, dáse conta ante á veciñanza do traballo realizado polo alcalde e concelleiros/as do goberno municipal cada semana. Tamén hai que destacar a transparencia en programas de contratación e a posibilidade de coñecer a orde do día dos plenos, xunto coas actas de todas as reunións plenarias, comisións e xuntas de goberno. Toda esta información recóllese dentro do Portal da Transparencia.

Ordenanza sobre a transparencia
En materia económica e de transparencia, o goberno aprobou a exposición das retribucións dos concelleiros/as, así como a declaracións de bens de toda a corporación municipal. O goberno municipal segue avanzando na mellora da transparencia e segundo explica o rexedor municipal “queremos que Ames sexa un Concello de referencia neste eido. Queremos instaurar a mentalidade de transparencia na administración e nos traballadores municipais, e para iso o Concello deu un segundo paso coa realización dunha ordenanza sobre a transparencia que levará ao pleno deste mes de febreiro”.

Esta ordenanza recolle seis capítulos nos que se fai referencia ás disposicións xerais; aos principios xerais da información publica; a publicidade activa da información; ao procedemento de acceso á información pública; á reutilización da información; e ás reclamacións e réxime sancionador.

A concelleira de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, destaca que "este plan xa dou comezo coa posta en marcha do Portal de Transparencia e Ames xa cumpre coa Lei, pero queremos ir mais alá e por iso temos deseñadas toda unha batería de propostas como a realización desta ordenanza que levaremos ao pleno deste xoves".

Elaboración dun código ético e de bo goberno
Un paso máis no plan de transparencia é a realización dun código ético e de bo goberno que se está a redactar e onde se recollen as bases de bo goberno polas que se deberá rexer a corporación e o goberno municipal.

Miñones tamén salienta que “outra das accións nas que se está traballando é aprobar o acordo de adhesión á rede de entidades locais para a transparencia e a participación cidadá da FEMP que no vindeiro mes de marzo trataremos de levar a pleno”.

Non rematan aquí as accións do goberno municipal xa que en breve se asinará un contrato coa Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para desenvolver unha metodoloxía de diagnose que, ademais de “medir”, permita xestionar a transparencia do Concello e poder realizar unha revisión viva e non estática da documentación e trámite sobre transparencia cun asesoramento directo para o persoal e políticos.

Por último, o rexedor municipal indica que "Ames será un referente en transparencia e por iso facemos unha aposta firme por este plan de implantación de transparencia que queremos levar a cabo no menor tempo posible. Esperamos que falar de transparencia na administración non sexa unha nova senón algo cotiá e instaurado na nosa administración".

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Bombo para unos preceptos sobre transparencia obligatorios por ley"
La Voz de Galicia:"Ames tendrá un plan de transparencia y un código ético de buen gobierno"