Pestanas principais

O goberno municipal fai balance das actuacións no eido deportivo en 2016 no que houbo máis investimentos, mellores servizos e novos eventos

Sábado, 28 de xaneiro de 2017

[28-01-2017] O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, dá conta das iniciativas e proxectos deportivos realizados durante o ano 2016. O goberno destaca a recuperación das Escolas deportivas nunha nova licitación moito máis vantaxosa para o Concello, así como a posta en marcha de novos eventos ao longo do pasado ano, apostando polo fomento de todas as prácticas deportivas. A política deportiva de 2016 baseouse en maior participación, o incremento significativo de investimentos en infraestruturas deportivas por valor superior aos 500.000 euros e o aforro económico na boa xestión cunha rebaixa de 100.000 euros nos dous procesos licitados no ano.

Inversións e instalacións deportivas
Para o executivo amesán a mellora das instalacións deportivas municipais é un dos aspectos fundamentais dos 4 anos de goberno e de aí que se estea apostando por un plan de investimento continuo. Ao longo do pasado ano puxéronse en marcha os expedientes de licitación de varias obras importantes como son o acondicionamento completo da instalación da piscina descuberta de Milladoiro, cambio do solado da pista de tenis de Bertamiráns, a ampliación da sala de spinning, a construción das gradas do campo de fútbol do Milladoiro, os parques biosaudables de Bertamiráns e do Milladoiro, a remodelación das instalacións do club de piragüismo de Tapia ou o cambio de superficie do pavillón de Bertamiráns. Ademais, no ano pasado o goberno conseguiu da Deputación unha subvención nominativa para a ampliación do pavillón do Milladoiro por importe de 83.000 euros e que permitirá construír un ximnasio de case 180 metros cadrados para a práctica de diferentes actividades deportivas. Nun futuro próximo tamén cambiarase o solado do pavillón de bertamirans para o cal se conta con proxecto e fondos ligados ao PAS complementario.

Estado dos procedementos
As obras correspondentes ás instalacións de Tapia foron adxudicadas á empresa Ceta contratas que realizou os traballos a finais do ano rematando no mes de decembro cun investimento total de preto de 50.000 euros. Outra das obras rematadas foi a da pista de tenis de Bertamiráns e na que se investiron 8.000 euros. No tocante ás gradas do campo de fútbol do Milladoiro a obra foi adxudicada por mais de 80.000 euros a Oviga SL no pasado mes de novembro, e trala sinatura do contrato os traballos comezaron hai unhas semanas. Tamén no mes de decembro abriuse o procedemento para os parques biosaudables, que teñen un prezo de partida de 30.000 euros, e aos que se presentaron numerosas empresas. En referencia á obra da piscina e a sala de spinning o número de empresas que presentaron oferta foron 25, sendo unha excluída por presentar a documentación fóra de prazo. A adxudicación está pendente da xustificación de baixa temeraria da situada en primeiro lugar e ao longo do mes de xaneiro irá a súa aprobación definitiva.

Outros investimentos
No pasado 2016 dende a Concellaría de Deportes apostouse por unha renovación do equipamento municipal con cargo á subvención da Deputación para infraestruturas. O Concello solicitou unha axuda de preto de 10.000 euros para o cambio das canastras dos dous pavillóns cun sistema adaptable aos mais pequenos. A adquisición destas 8 canastras adaptables permitirá a práctica do baloncesto en todas as categorías de rapaces e adultos e sumarase á nova canastra de dobre altura instalada na praza de Chavián, en Bertamiráns. Ademais con cargo a esta subvención tamén adquiriuse o marcador do campo de fútbol de Bertamiráns, que tan demandado foi no pasado, e que permitirá o seguimento dixital dos resultados dos partidos que se disputan nesta instalación. O obxectivo do goberno pasa por ir facendo ano a ano unha renovación das pistas exteriores deportivas.

Licitación do servizo de socorrismo
O goberno ao longo do pasado ano tamén puxo en marcha a licitación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios das piscinas descubertas de Tapia, Bertamiráns e Milladoiro. No proceso de licitación conseguiuse unha vez máis unha importante rebaixa económica de 73.292 euros, sen que se rebaixe ningunha das condicións contractuais existentes con anterioridade. A empresa adxudicataria resultou ser a mesma que estaba a levar o contrato, o que dá unha garantía do servizo a prestar e que durará dous anos con prórrogas anuais ata 4 anos como máximo.

Consello de Deportes
No mes de maio de 2016 constituíuse oficialmente o Consello consultivo de Deportes formado polos clubs, asociacións deportivas, centros educativos, ANPAS, concesionaria das escolas, goberno e oposición. Aínda que dende finais de 2015 este Consello xa estaba a traballar de xeito extra oficial, no mes de maio constituíuse cun regulamento aprobado por todos os presentes.

O traballo levado a cabo polo Consello de deportes durante estes meses centrouse principalmente na modificación da taxa das escolas deportivas e a xestión directa dos clubs das actividades das escolas. A proposta que se aprobou inicialmente no Consello apostaba por unha modificación da taxa a 60 euros, con pagos trimestrais de 20 euros, e a extensión ao mes de xuño das escolas, incrementando polo tanto nun mes a súa duración. Ademais abríase a posibilidade de darse de alta ou baixa por trimestres e incorporaba a xestión directa polos clubs interesados das actividades deportivas cobrando directamente eles aos usuarios. Finalmente a proposta non saíu adiante no Pleno quedando sen aplicar.

Outro dos traballos realizados polo Consello foron as aprobacións dos regulamentos da Gala do deporte, do funcionamento do propio Consello ou das bases das subvencións deportivas para o 2016. Gracias á colaboración dos asistentes conseguiuse modificar as bases que rexían as subvencións deportivas e nas que, por primeira vez, valóranse aspectos prioritarios para o goberno, como a presencia feminina nos equipos ou clubs, a solicitude de subvencións a outras administracións ou o número de equipos e o carácter local, autonómico ou estatal dos mesmos. Con estas bases buscouse o equilibrio entre as asociacións e un reparto mais acorde ao volume e gasto da entidade.

Subvencións e convenios
No 2016 o goberno incrementou a partida destinada ao fomento do Deporte a partir da liña de convenios. Asináronse catro novos convenios con clubs de Ames por importe de 18.584 euros, que se suman aos convenios xa existentes de anos anteriores para dar unha cifra total de 43.000 euros, para o desenvolvemento das actividades de patinaxe, xadrez, voleibol, baloncesto, fútbol sala masculino e feminino nas escolas deportivas. Outra liña de financiamento para as entidades deportivas de Ames foi a subvención nominativa ao Bertamiráns FC, que se suma ás subvencións de concorrencia competitiva que reparten 50.000 euros entre as 23 asociacións rexistradas no Concello.

No tocante ás subvencións de concorrencia competitiva logrouse por primeira vez adiantar os prazos de presentacións das bases de xeito que en maio de 2016 aprobáronse en Xunta de Goberno Local as contías do ano 2015 e en novembro dese mesmo ano xa foi aberto o proceso para a solicitude do 2016, de xeito que no mes de xaneiro están sendo aprobadas as subvencións correspondentes ao ano pasado. O obxectivo do goberno é poder sacar no primeiro trimestre de 2017 as bases correspondentes a este ano para que todos os clubs coñezan de antemán unha estimación dos ingresos que poden ter a finais do curso e así facer as súas previsións en base a dita estimación.

Actividades de verán
Entre os meses de xuño e setembro realizáronse diferentes campus de fútbol organizados por equipos de renome e cos que o Concello quixo colaborar, como foron o III Campus da Fundación Celta de Vigo, en colaboración co Milladoiro SD, e que reuniu a máis de 50 nenos/as nas instalacións do Milladoiro; o I Depor Campus de fútbol, da man do Bertamiráns FC e que contou con 71 participantes, o I Campus de Baloncesto de Ames con 40 nenos e nenas que gozaron de varios días de actividades e adestramentos coa colaboración do Basket Ames e o Club Rosalía de Castro.

Durante o pasado verán tamén se puxeron en marcha os cursos de natación nas piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro e nos que participaron 50 nenos/as. Tamén se levou a cabo un curso de iniciación ao piragüismo, organizado polo Club Ribeiras do Tambre, e no que participaron 31 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos iniciáronse nesta práctica deportiva nas instalacións da praia fluvial de Tapia. Outra actividade posta en marcha no verán, neste caso organizada pola OMIX, foi a ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “en 2016 o goberno municipal potenciou a actividade deportiva. Deste xeito, dende o Concello de Ames organizáronse máis de 20 eventos diferentes de distintas modalidades deportivas e con participación de mais de 5.600 deportistas”.

Escolas deportivas
Este ano o goberno sacou a licitación o novo contrato das Escolas deportivas que foi adxudicado á empresa Serviplus. O concelleiro de deportes destaca a importancia deste novo contrato “no que se conseguiron importantes melloras para o servizo das escolas, como o incremento na remuneración dos monitores ou a achega económica para novo material e a formación de monitores para a atención de persoas con necesidades especiais, entre outras”. O novo servizo prestado pola concesionaria terá dous anos de contrato con posibilidade de prórroga cun prezo final de case 218.000 euros, que reduce en 20.000 euros a contía que se viña pagando polo servizo. “Con xestión conseguimos servizos máis baratos e de mellor calidade”, afirma Miñones.

A oferta correspondente á nova tempada 2016/17 presentou varias novidades nunha aposta clara do goberno por conseguir atraer maior número de usuarios. Entre estas novidades destaca a apertura á práctica de Ponte en forma a nenos maiores de 14 anos, cando antes estaba reservada só para os maiores de 18. Tamén incorporouse a actividade de Aerozumba, a cal tivo unha gran acollida con 192 inscritos para o novo curso e quedando 106 en lista de agarda. Ademais, e por primeira vez, as escolas de nenos/as de baloncesto, patinaxe, xadrez, voleibol, fútbol sala masculino e feminino, son impartidas polos clubs de Ames, nunha clara aposta do goberno polo fomento do deporte entre as entidades sen ánimo de lucro do noso concello.

As escolas deste ano contan cun novo récord de participación acadando a cifra de 1.814 usuarios distribuídos en 16 disciplinas diferentes, 12 en Fomento do deporte e 4 en Ponte en forma, dirixida a maiores de 14 anos. O 26,5% da poboación total de Ames comprendida entre os 6 e os 14 anos atópase inscrito nalgunha actividade das escolas o cal para Miñones “resulta unha total satisfacción comprobar que os nosos nenos e nenas realizan unha práctica deportiva fóra da xornada educativa, sabendo ademais que esta cifra é moito maior cos que están nos clubs deportivos”. Outro dos datos máis salientables que resalta o goberno son os preto de 900 veciños e veciñas adultos que se atopan inscritos nas actividades de Ponte en forma das escolas deportivas e que xustifican a aposta polos hábitos saudables que se fixo ao comezo do 2016 coa adhesión de Ames á Rede Española de Cidades saudables, e na que se fomenta a práctica deportiva e o asesoramento nutricional no mundo do deporte.

Dentro da área deportiva ao longo do pasado ano 2016 puxéronse en marcha novos eventos con moi boa acollida de público e participantes. Así, no mes de febreiro disputouse o I Trail Galaica de Ames coa disputa dunha carreira polo monte amesán, que saíu dende Ponte Maceira e rematou nas instalacións do Real Aéreo Club e no que participaron 227 corredores/as. Xa no mes de abril tivo lugar o I Trail de montaña de BTT, que se fixo coincidir coa V Marcha de BTT do Concello de Ames, e no que se xuntaron arredor de 400 participantes, nunha carreira ben organizada polo Club ciclista Os Esfola Arrós de Ames.

No tocante ao atletismo, no pasado ano e por primeira vez, Ames acolleu o Campionato Galego de 10Km en ruta, que se fixo coincidir coa celebración da XVII carreira pedestre do Concello e na que se bateu un récord de participación con 1.753 inscritos que encheron as rúas de Bertamiráns. Ademais destes eventos o Concello seguiu organizando outras actividades xa asentados como a Gala do deporte, que alcanzou o seu décimo aniversario nun evento moi vistoso, ao igual que o Día da Bici con 150 participantes que percorreron as rúas de Bertamiráns, ou o Descenso do Tambre que cumpriu a súa trixésimo primeira edición con mais de 400 participantes nas augas do rio Tambre.

Outros eventos destacados foron as diferentes edicións da xa emblemática Ames Cup de fútbol que nos meses de abril, xuño e, por segundo ano consecutivo, setembro, xuntaron no campo municipal de fútbol de Bertamiráns a moitos equipos da contorna, contando coa presenza de 123 equipos e case 1.500 rapaces, grazas á organización do Bertamiráns FC. Foron mais os eventos realizados ao longo de 2016 e así o Encontro de Patinaxe das escolas deportivas organizado polos clubs Sarela e Omega, celebrouse en Bertamiráns no mes de abril con 200 patinadoras participando desta gran festa que alcanzou a súa sétima edición. Ames tamén acolleu en 2016 a Fase Rexional do Campionato Galego de Patinaxe nas instalacións do pavillón do Milladoiro no mes de xuño e no que participaron ata 79 patinadoras e patinadores en diferentes categorías.

O torneo de fútbol Concello de Ames alcanzou a trixésimo quinta edición resultando gañador o Bertamiráns FC ao impoñerse na final ao Biduído SR. O Karate tamén estivo presente no pasado ano, de xeito que o Club deportivo Karate Ames organizou unha Xornada de karate infantil interclubs e na que máis de 100 rapaces de Ames e da contorna achegáronse a Bertamiráns a gozar desta xornada de convivencia. O mundo do Supercross segue a ter o seu protagonismo en Ames gracias ao Motoclub Ameixenda que no 2016 organizou dous eventos nos meses de maio e setembro con sendas probas Dagan Cup que xuntaron a 160 pilotos de toda Galicia no circuíto “Alex de Moure” da Ameixenda.

Tamén en 2016, o Club Danzaya, e coa colaboración do Concello, trouxo ao aparcamento de Bertamiráns no mes de xuño unha gran Festa de danza e música na que participaron preto de 200 alumnos/as deste club amesán con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos. Para a última parte do ano quedou a celebración da X Carreira do Pavo organizada pola Asociación Galega de Ciclistas e que se disputou nas rúas da contorna do Pedregal. Nesta proba participaron máis de 50 corredores, que unha vez mais levantaron a expectación dos amesáns.