Pestanas principais

O goberno municipal inicia un novo proceso de orzamentos participativos para o exercicio 2018 onde haberá unha partida específica para a área de mocidade

Sábado, 07 de abril de 2018

[07-04-2018] Esta semana realizouse a primeira xuntanza para poñer en marcha a iniciativa de Orzamentos participativos 2018, a través da cal a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte do orzamento municipal. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Este pasado martes, 3 de abril, o goberno municipal realizou unha xuntanza para a posta en marcha dos Orzamentos participativos de 2018. En dito encontro participaron os representantes da Comisión de Orzamentos Participativos 2017, veciños das parroquias de Ames e Agrón (que o ano pasado no tiveron representante da parroquia), persoal técnico da empresa Cidadanía S. Coop. Galega, a técnica da Concellaría de Mocidade, Pilar Villaverde, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e mailo concelleiro de de Educación e Cultura, David Santomil.

En primeiro lugar, procedeuse a dar lectura e aprobar a acta da xuntanza anterior. Dita acta aprobouse co voto favorable dos membros presentes en dita xuntanza e a abstención dos que non estiveron. De seguido, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou o novo proceso de Orzamentos participativos 2018, así como presentou ao persoal da empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, Sociedade Cooperativa Galega, que presta o servizo para a implantación, posta en marcha e desenvolvemento do proxecto de Orzamentos participativos no 2018, ademais do asesoramento técnico e asistencia en procesos participativos nas distintas áreas do Concello.

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Hai dúas maneiras de participar nesta iniciativa: unha facendo propostas e; outra, votando as propostas. Calquera persoa pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e con 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos.

A campaña de Orzamentos participativos comeza o 16 de abril
A campaña de Orzamentos participativos 2018 comezará o vindeiro 16 de abril, momento no que se poderán comezar a presentar as propostas. Todas as persoas que o desexen poderán facer as súas achegas ata o 16 de maio. Todas as persoas poden informarse nas dependencias municipais, dirixíndose ao departamento de Servizos Económicos e á Oficina de Información Xuvenil (OMIX). Para elo hai que chamar ao número de teléfono do Concello (981 883 002) e dicir que lles pasen con ditos departamento. Tamén se informará nas Asembleas Informativas e na propia web do Concello (www.concellodeames.gal). As propostas presentaranse a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro municipal (presencial ou telematicamente) ou nas Asembleas Informativas (que se rexistrarán posteriormente).

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas o persoal técnico municipal seleccionará as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente, dende o 21 de maio ata o 18 de xuño. As propostas seleccionadas priorizaranse pola Comisión dos Orzamentos Participativos, formada por representantes de asociacións, persoal técnico municipal e goberno. Na xuntanza desta semana propúxoselles aos membros da Comisión de Orzamentos Participativos 2017 seguir como representantes durante o exercicio 2018. Asemade, acordouse que cada representante consultaría en xuntanza/asemblea parroquial se continuaba en dita comisión. Todos e todas as representantes amosaron a súa disposición para seguir como representantes, máis queren ratificar esta decisión en xuntanza parroquial.

Asemade, acordouse nomear unha comisión de Orzamentos participativos 2018 para a Mocidade, que traballara de xeito paralelo para valorar os investimentos e actividades asociadas á mocidade, por entender que podería ser máis operativo que traballar de xeito conxunto todo nunha soa comisión. Cómpre destacar a aposta que se fai este ano dentro dos Orzamentos participativos para potenciar a área de mocidade. Todos os participantes na xuntanza amosaron o seu acordo con potenciar dentro desta iniciativa o eido xuvenil. Así, trátase dun proceso aberto, no que todas/os as veciñas/os poderán presentar propostas e no que poderán votar os empadroados/as en Ames con 16 anos cumpridos. No caso das propostas da mocidade poderán votar os/as empadroados/as en Ames de 16 anos a 30 anos de idade.

A concelleira de economía e Facenda, Genma Otero, destacou “comezamos con ilusión esta nova etapa dos Orzamentos participativos 2018 nos que continuamos cumprindo os nosos compromisos co rural e incorporamos unha forte aposta pola Mocidade para investimentos en acondicionamento de espazos para a Mocidade e actividades dirixidas a este sector, incrementando a cantidade asignada a esta iniciativa que acadará preto dos 200.000 euros. Poremos en marcha a campaña de divulgación e información dos Orzamentos participativos 2018 a semana que ven para poder comezar coas asembleas e xuntanzas o luns 16 de abril. É un reto importante e unha prioridade deste goberno incrementar as fórmulas de participación e apostar polos espazos de contrución colectiva".

Asembleas informativas
Faranse asembleas informativas dos Orzamentos participativos da mocidade. Serán os 16 e 23 de abril, ás 19:00 horas, salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, faranse dous talleres para a ideación de propostas nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. A maiores a mocidade tamén poderá participar nas diferentes asembleas do rural que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de abril nos locais sociais da Ameixenda, Covas, Augapesada, Agrón, Trasmonte, Tapia, Piñeiro, Ortoño, Biduído, Bugallido, Oca e Lens. Posteriormente, faranse asembleas de votación, do 25 de xuño ao 5 de xullo, para a mocidade e para o rural nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Deste xeito, as propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento municipal para ser realizadas en 2018.