Pestanas principais

O goberno municipal investirá máis de 300.000 euros do POS+ Adicional para executar catro obras no Milladoiro, Bugallido e Agrón

Martes, 06 de marzo de 2018

[06-03-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio de expediente de dúas obras que se sufragarán con cargo ao POS+ Adicional. Trátase da instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro e do arranxo do camiño principal en Sandar (Agrón). Ademais, anteriormente aprobouse, tamén en Xunta de Goberno Local, o expediente de contratación da obras de pavimentación dos viarios do núcleo de Outeiro, pertencente á parroquia de Bugallido, e do proxecto de mellora da accesibilidade universal na rúa Agro do Medio do Milladoiro. Estes catro proxectos teñen un orzamento de 323.448,23 euros, que serán sufragados a través da incorporación de remanente de tesourería da Deputación da Coruña.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “tal e como adiantamos no pasado mes de outubro a incorporación de remanentes de tesourería de Deputación permitinos dispor de máis de 300.000 euros para sufragar catro novos proxectos, que ao estar incluídos no plan complementario do POS+ 2017, xa foron aprobadas no pleno do Concello e da Deputación”.

Durante este pasado mes de febreiro e na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado xoves, 1 de marzo, aprobouse o inicio dos expediente de contratación destes catro proxectos que serán sufragados con cargo ao POS+ Adicional. Unha vez adxudicados poderanse comezar a executar. “Trátase de importantes proxectos porque inclúen obras de mellora da accesibilidade e de arranxo de camiños municipais. Estes proxectos realizaranse no núcleo urbano do Milladoiro e nas parroquias de Bugallido e Agrón”, destaca Blas García.

O goberno municipal sufragará catro proxectos con ditos fondos. Tratase da instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro (74.864,54 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Outeiro, en Bugallido (55.340,51 euros); a mellora da accesibilidade universal na rúa Agro do Medio do Milladoiro (126.144,74 euros); e o arranxo do camiño principal en Sandar, en Agrón (67.098,44 euros).

Un dos proxecto recolle a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro. A superficie na que se actuará será de 1.101,38 metros cadrados. O pavimento actual é unha soleira de formigón pintada. As actividades que se desenvolven nel son, principalmente, de índole deportiva: fútbol sala, baloncesto, voleibol, baile, etc. A soleira de formigón non reúne as condicións esixidas para a práctica de ditos deportes. Deste xeito, instalarase un pavimento de madeira que é a mellor opción para a práctica destes deportes.

No lugar de Outeiro, en Bugallido, vaise a actuar en oito treitos de 95x6,00; 40x6,00; 35x8,00; 45x4,50; 30x3,00; 30x6,00; 25x4,00; e 40x4,00, así como tres zonas de sobreancho de 15x5,00; 10x5,00; e 10x7,00 metros, mellorando estes viarios con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, incluso mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición, nivelización e compactación do pavimento existe. Tamén se adaptarán os pozos e mailas arquetas a nova rasante.

Arranxo do camiño principal en Sandar
Asemade, vaise a arranxar o camiño principal en Sandar, en Agrón, que conta cunha lonxitude de 1.600 metros e un anchura de 4 metros. Preténdese a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de baches e maila aplicación de quince centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Dito proxecto tamén recolle a pavimentación de dous abanicos de 15x5,00 metros con quince centímetros de grava e posterior triplo tratamento asfáltico.

Finalmente, contémplase a limpeza de gabias e salvagabias, a execución de 55 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, canalización de 147 metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro e execución dun pozo de rexistro con sumidoiro para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación de 180 metros de banda dobre onda coas correspondentes terminais para defensa.

Mellora da accesibilidade no Milladoiro
A través desta intervención trátase de que o espazo público obxecto e dita actuación poida ser utilizado por todas as persoas con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. Por tanto, con carácter xeral acondiciónanse os vaos que non estaban adaptados correctamente e supoñen unha barreira para usuarios/as de mobilidade reducida ou usuarios/as de cadeiras de rodas e/ou persoas con problemas de visión. Nalgúns casos créanse vaos novos e paso de peóns, alí onde se diagnostican as barreiras arquitectónicas de carácter urbanístico. Noutros casos é preciso ampliar as beirarrúas para poder aloxar convenientemente os novos vaos de peóns e dispor de recorridos adaptados. Tamén se adapta o mobiliario urbano existente (papeleiras, sinais de tráfico ou indicativas) ou se substitúe por elementos adaptados.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames investirá máis de 300.000 euros en catro obras no Milladoiro, Bugallido e Agrón"
La Voz de Galicia: "Ames destina 324.000 euros a obras en O Milladoiro, Bugallido y Agrón"
Compostela 24 Horas: "El gobierno municipal invertirá más de 300.000 euros del POS+ Adicional para ejecutar cuatro obras en O Milladoiro, Bugallido y Agrón"
Ames Go: "O POS+ da Deputación pagará obras en Milladoiro, Agrón e Bugallido"