Pestanas principais

O goberno municipal levará a cabo en dúas fases un proxecto de mellora da accesibilidade en varias instalacións municipais

Xoves, 03 de decembro de 2015

[03-12-2015] Hoxe coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o goberno municipal avanzou que está traballando nun proxecto de mellora da accesibilidade en varias instalacións municipais. Este proxecto desenvolverase en dúas fases. Na primeira abordarase a mellora da accesibilidade da Casa do Concello, da Biblioteca municipal do Milladoiro e do acceso das Oficinas Municipais do Milladoiro. Na segunda fase preténdese mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como o interior das Oficinas Municipais do Milladoiro. A primeira fase deste proxecto será sufragada a través do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, destaca que “durante estes primeiros cinco meses de goberno estivemos traballando no proxecto de accesibilidade da Casa do Concello, da Biblioteca municipal do Milladoiro e do exterior das Oficinas Xerais do Milladoiro, así como na construción dun parque adaptado e accesible no Milladoiro. Estes proxectos levaranse a cabo durante o vindeiro ano. Ademais, xa temos outro proxecto de accesibilidade feito que recolle a mellora de todos os edificios do Pazo da Peregrina e a segunda fase das Oficinas Xerais do Milladoiro. Un investimento real que supera os 200.000 euros, e de máis de 320.000 euros, se incluímos a segunda fase (Pazo da Peregrina e o interior das Oficinas do Milladoiro)”.

Este proxecto desenvolve e concreta a definición das obras de accesibilidade que se van executar en varios dos edificios públicos de Ames para adaptar á normativa vixente tanto o entorno próximo de achegamento aos edificios, o seu acceso e a utilización interior dos espazos tanto en itinerario vertical como horizontal, así como o uso dos servizos públicos para todas as persoas sen discriminación.

A través das obras que se pretenden executar na Casa do Concello vaise habilitar unha zona de aparcamento adaptado, adaptaranse os pasos de peóns máis próximos e os accesos de achegamento peonal ao edificio. Ademais, vaise instalar no exterior da Casa do Concello unha rampla e unha plataforma elevadora. No interior do edifico está previsto que se substitúa o actual ascensor por un de uso adaptado e construirase un aseo adaptado na planta baixa de uso público. Tamén se substituirán portas, mobiliario de uso público, colocarase un panel informativo adaptado e haberá axuda técnica para as persoas xordas na atención cidadá do rexistro municipal.

Na zona exterior da Biblioteca do Milladoiro realizaranse obras para habilitar unha praza de estacionamento adaptada, adaptarase a parada de autobús que se atopa ao carón da biblioteca, e os pasos de peóns máis próximos. No que se refire ao edifico vaise a construír unha rampla de aceso e no interior vaise a executar un aseo en cada planta e substituír algún mobiliario existente. Por último, nas oficinas de servizos sociais e atención veciñal do Milladoiro vaise adaptar o aparcamento da zona anexa, os pasos de peóns máis próximos e adaptarase a rampla existente.

Blas García tamén destaca que “este goberno aposta de maneira decidida e con feitos pola accesibilidade e está sensibilizado cos problemas que teñen as persoas con diversidade funcional para poder moverse por Ames. Este é un traballo que imos a desenvolver durante todo o mandato e que nos fixamos como prioridade. A accesibilidade e a sensibilización coas persoas con diversidade funcional debe de realizarse ao longo de todo o ano e non con feitos puntuais”.

Primeiro parque infantil accesible
A estas actuacións, que se abordarán nunha primeira fase sufragada con fondos do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, hai que engadir o proxecto de construción do primeiro parque infantil accesible do concello de Ames. Este espazo de xogo estará situado na área deportiva do Milladoiro, que se atopa ao carón da Casa da Cultura, das pistas polideportivas e da piscina municipal desta localidade. Executarase no lugar da actual pista de skate, que se trasladará á urbanización de Aldea Nova. Este proxecto, que será financiado integramente a través dun convenio subscrito coa Deputación da Coruña, terá un custo de 68.000 euros. A previsión é que este parque poida estar rematado para poder ser usado de cara ao verán de 2016.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, indica que “o día da discapacidade aínda que se fai máis visible o día 3 de decembro é algo que debemos ter en conta todos os días do ano e en todos os aspectos. A este respecto o Concello de Ames, sendo consciente de que é un dos grandes retos que temos pendentes, está levando a cabo diferentes medidas. Temos pendente de asinar dende a concellería de Servizos Sociais un convenio coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago, que ofrecerán servizos de intérpretes de lingua de signos”.

Segunda fase do proxecto
O interior das oficinas municipais do Milladoiro serán adaptada na segunda fase deste proxecto. Nesta caso vaise a substituír a escaleira interior existente por unha plataforma elevadora adaptada e construirase un aseo adaptado en cada planta. Ademais, ofrecerase axuda ás persoas xordas no punto de atención cidadá destas dependencias.

Na segunda fase abordarase a mellora da accesibilidade na contorna do Pazo da Peregrina dotando no exterior de aparcamento adaptado, adaptando os pasos de peóns e habilitando unha entrada con rampla. Ademais, habilitarse unha rampla de acceso para acceder ás instalacións do Pazo da Peregrina, da Casa dos Caseiros, á Casa da Froita e á Capela. No interior do Pazo da Peregrina instalarase un elevador adaptado con envolvente de cristal. Ademais, na planta baixa crearase un aseo adaptado .

Por último, cómpre salientar que no pasado pleno de novembro aprobouse por unanimidade a ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade. Sobre este asunto a concelleira de Servizos Sociais, adiantou que “en xaneiro coincidindo coa modificación da ordenanza de accesibilidade comezaremos cunha campaña de concienciación de uso das prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional. Ao mesmo tempo que lles cambiaremos o formato as tarxetas de aparcamento e accesibilidade, reorganizaremos e acondicionaremos as prazas de aparcamento. Tamén adoptaremos outras medidas dirixidas a favorecer a mobilidade”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames patina en accesibilidade"
El Correo Gallego: "Plan para eliminar barreras en los inmuebles amienses más visitados y concienciar"