Pestanas principais

O goberno municipal licita o servizo de mantemento da rede semafórica do Concello de Ames

Luns, 20 de novembro de 2017

[20-11-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, para a oferta económica máis vantaxosa e a tramitación ordinaria do servizo de mantemento da rede semafórica do Concello de Ames. O obxecto do contrato é a prestación dos servizos de mantemento preventivo e correctivo e da conservación e reparación das instalacións semafóricas do Concello de Ames. Este servizo implica as actuacións de comprobación e revisión, así como a substitución dos elementos avariados, sendo a empresa prestadora do servizo a responsable de asumir os custos tanto dos elementos avariados a substituír como do importe da man de obra correspondente a dita substitución.

As instalacións semafóricas sobre as que inicialmente se deberá prestar o servizo de mantemento son as existentes no Milladoiro (na avenida de Rosalía de Castro, na Travesía do Porto e nas rúa Madalena, Castelao, Figueiras, Curuxa, e Agro do Medio) e as de Bertamiráns, situadas nas estradas AC-543 e AC-544 (nas avenidas da Maía, da Peregrina e de José Luís Azcárraga, así como nas rúas Alcalde Lorenzo e do Pedregal, na Travesía da Peregrina, na estrada de Lapido e na rotonda da avenida da Maía). Deste xeito, no Milladoiro existen 12 instalacións semafóricas, mentres que no núcleo poboacional de Bertamiráns hai 16.

O adxudicatario do contrato deberá recibir as instalacións no seu actual estado, sen que poida indicar ningún inconveniente ou reparo, podendo con anterioridade á formulación da oferta visitar as instalacións para o seu estudo, previa autorización e sen interferir no seu normal funcionamento. 

O contratista queda obrigado dende a data de inicio do contrato á realización de traballos de mantemento (substitución das lentes leds que se avaríen por calquera circunstancia) e á reparación de todas as avarías en reguladores e cableado. Previamente ao inicio do contrato, o licitador deberá presentar ante o responsable técnico municipal o informe técnico do estado actual das instalacións semafóricas, debendo reflectir nel tanto a situación técnica como a estética dos mesmos.

De igual maneira, o contratista tamén deberá efectuar traballos de mantemento cada dous meses nos reguladores, lámpadas e soportes. Asemade, cada tres meses deberase comprobar o bo estado dos semáforos e as súas ópticas a pé, procedendo a reparar as anomalías que se detecten, levando a cabo a substitución ou reposición de todos aqueles elementos, pezas ou partes das instalacións que puideran provocar avaría inminente ou que se atopen deterioradas ou en mal estado de funcionamento.

Ademais, cada 6 meses haberá que facer unha rexeneración das fontes de alimentación e unha revisión de detectores, acometidas e proteccións da rede de terra, das partes metálicas móbiles e unha limpeza de reguladores e semáforos (cabezais, parte interna das lentes e tulipas). Por último, cada 12 meses haberá que realizar unha limpeza interior, substitución de filtros, pintura interior e axuste de danos, do cableado de cruces e traballos de pintado, previo saneamento das partes afectadas, de acordo coas instrucións do Concello.

Este servizo cubrirá as 24 horas dos 365 días do ano, cun tempo de resposta máximo de tres horas. A notificación das incidencias poderá efectuarse por vía telefónica ou electrónica a calquera hora de calquera día do ano. Unha vez que se produza a reparación do feito que motivou a incidencia ou aviso, a empresa adxudicataria estará obrigada a presentar un informe no que se recolla as actuacións efectuadas e a resolución da incidencia. Do mesmo xeito, deberáselle comunicar ao Concello o momento da resolución da avaría.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames licita o servizo de mantemento da rede semafórica"