Pestanas principais

O goberno municipal mantén unha nova xuntanza co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para falar de políticas activas de emprego

Martes, 11 de decembro de 2018

[11-12-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza este luns, 10 de decembro, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co obxectivo de falar das políticas activas de emprego que se están desenvolvendo no Concello de Ames e da previsión de novas convocatorias que vai facer a Xunta de Galicia de obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, proxectos de fomento do emprego no ámbito forestal e novas vías de colaboración nos ámbitos do emprendemento e fomento do espírito empresarial.

A xuntanza mantida entre o goberno municipal e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, serviu para falar dos proxectos que se están levando a cabo no Concello de Ames en canto a políticas activas de emprego. En primeiro lugar falouse da previsión de obradoiros de emprego para o ano 2019, así como do obradoiro "CreAs" que se está a desenvolver na actualidade en colaboración co Concello de Santiago, e das edicións X e XI dos programas integrados de emprego InserAmes Brión. É a terceira reunión seguida, despois das feitas en 2016 e 2017, para achegar posturas en materia de emprego.

Tanto o alcalde como a concelleira de Promoción Económica agradécenlle, unha vez máis, ao conselleiro a súa receptividade, porque sempre que solicitan unha xuntanza son recibidos á maior brevidade posible. “É de agradecer o trato que sempre nos dispensa o conselleiro xa que non encontros moi cordiais e distendido, así como moi proveitosos porque sempre recolle as propostas que se lle fan dende o Concello para tratar de mellorar as convocatorias de axudas que se publican dende a Xunta”.

O obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II desenvolveuse, en colaboración co Concello de Brión, dende o mes de setembro de 2017 ata marzo de 2018. Neste obradoiro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia participaron de 15 alumnas e alumnos traballadores que estiveron guiados, ao longo destes meses, por catro persoas (o director do obradoiro, un mestre, unha orientadora e unha auxiliar administrativa). A través deste obradoiro de emprego, o alumnado participante tivo un contrato de 6 meses de duración, e executáronse instalacións caloríficas en varias dependencias e locais dos concellos de Ames e Brión.

Ademais, os Concellos de Ames e Santiago de Compostela están desenvolvendo na actualidade o obradoiro de emprego “CreAs”, no que se están formando 20 alumnos/as-traballadores/as, na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización. Este obradoiro, que comezou no mes de novembro, ten unha duración de 9 meses. Para a impartición de dito obradoiro cóntase tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo).

A práctica laboral permitirá realizar en Ames a apertura de mantemento de vías forestais, mentres que en Santiago de Compostela realizaranse traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre e a repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro. Para executar este obradoiro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu unha subvención de 287.937 euros. Ademais, os Concellos de Ames e Santiago achegan a contía de 69.860 euros (Ames pon 9.860 euros e Santiago 60.000 euros). O orzamento total do proxecto é de 357.797 euros.

Programas integrados para o emprego InserAmes Brión
Por outra banda, vén de rematar o programa integrado para o emprego InserAmes Brión X. En dito programa atendeuse a 85 participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos. O 30 de novembro finalizou este programa, pero continuarase traballando cos participantes no seu itinerario personalizado de emprego.

Nesta décima edición do programa integrado para o emprego, que contou cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 204.000 euros, alcanzouse un 64,7% de insercións, cumprindo cos obxectivos de duración de contratos marcados pola propia Consellería. Ademais, cómpre destacar o dato de que máis do 46% do alumnado participante tivo un contrato de máis de 3 meses ou estivo dado de alta como autónomo máis de seis meses.

Na actualidade, estase traballando na posta en marcha da décimo primeira edición do “InserAmes Brión XI”, que está cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros e que conta cunha achega de 45.613,20 euros dos Concellos de Ames e Brión. Este programa está dirixido a 100 mozas e mozos, desempregados e menores de 30 anos, dos dous municipios. A duración do programa “InserAmes Brión XI” será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas de diferentes áreas: actividades para a mocidade, comercio e atención ao público, actividades de almacén, ocio e tempo libre, limpeza, enerxías renovables e mantemento de fontanería e calefacción, manexo de maquinaria...

Tamén se falou dos proxectos de fomento do emprego no ámbito forestal, de novas vías de colaboración nos ámbitos do emprendemento e fomento do espírito empresarial, así como das novas convocatorias de obradoiros de emprego que publicará a Consellería de cara ao ano 2019 e do programa de contratación da brigada Aprol Rural.

Protocolo "Concellos Emprendedores"
Por último, falouse das vantaxes que lle suporá ao Concello de Ames a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Emprendedores”. A través deste protocolo a Xunta de Galicia intenta poñer en marcha, en colaboración cos concellos, medidas que favorezan e fomenten a implantación e fixación de empresas no territorio galego.

O protocolo de actuación recolle unha serie de bonificacións, de ata o 95% a favor das empresas que desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, no imposto sobre bens Inmobles, imposto sobre actividades económicas e imposto sobre construcións, instalacións e obras.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Concello de Ames mantivo unha nova xuntanza co conselleiro de Economía, Emprego e Industria"