Pestanas principais

O goberno municipal mantén unha xuntanza co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para falar de políticas activas de emprego

Martes, 22 de agosto de 2017

[22-08-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza este martes, 22 de agosto, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co obxectivo de falar das políticas activas de emprego que se están desenvolvendo no Concello de Ames e da previsión de novas convocatorias que vai facer a Xunta de Galicia de obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, subvencións para o aforro e eficiencia enerxéticas, así como para a mellora do polígono industrial do Milladoiro.

A xuntanza mantida entre o goberno municipal e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, serviu para falar dos proxectos que se están levando a cabo no Concello de Ames en canto a políticas activas de emprego. En primeiro lugar falouse dos obradoiros de emprego (RenovAmes-Brión) e do programa integrado para o emprego (InserAmes-Brión), que se van a poñer en marcha durante os vindeiros meses.

O Concello de Ames recibiu resposta da Xunta de Galicia onde se informa da concesión de axudas para o desenvolvemento da segunda edición do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II, que está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais sociais de Ameixenda, Cruxeiras, Firmistáns, Casa do Concello, en Ames, e na escola infantil dos Anxeles, así como na escola rural de Luaña situadas en Brión. Enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Este obradoiro terá unha duración de 6 meses e contará con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 1 mestre/a, 1 orientador/a e 1 auxiliar administrativo).

Por outra banda, o Concello de Ames ten o obxectivo de desenvolver a décima edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que foi solicitado esta mesma semana. A través deste proxecto, do que se beneficiarían 85 persoas e 2 titores/as de inserción laboral, trátase de favorecer a empregabilidade do menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación e mozos/as menores de 30 anos desempregados. Esta iniciativa tería unha duración de 12 meses nos que se impartirán diversos cursos e accións formativas e que contará con servizo de titorías individuais. A porcentaxe mínima de inserción tería que ser do 40%.

Sobre o programa de emprego integrado realizóuselle ao conselleiro unha serie de achegas para que en futuras convocatorias haxa unha adaptación á realidade das entidades locais en canto as políticas activas de emprego, tanto no que sería o sistema de atribución de partidas orzamentarias e no que se refire á axilización dos procedementos que conleva. Ademais, falouse das axudas concedidas ao Concello de Ames para proxectos de aforro e eficiencia enerxéticas e sobre algunhas liñas desta mesma convocatoria de subvencións do INEGA nas que houbo diferencias de interpretación dos criterios técnicos de concesión.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “se tratou dun encontro moi cordial e distendido no que se abordaron os proxectos que están en marcha no Concello de Ames, así como se falou de futuras liñas de apoio neste eido para levar a cabo novos proxectos de cara o vindeiro ano”. Tamén se lle solicitou ao conselleiro que, na medida do posible, as ordes das convocatorias que publica Xunta non saían todas en agosto, xa que tanto a Xunta como os Concellos dispoñen de menos persoal ao estar en período de vacacións. Por último, o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames realizou unha serie de achegas sobre cuestións a mellorar nas vindeiras convocatorias.

Axudas para a mellora do polígono do Milladoiro
Por último, falouse dunha axuda que solicitou o Concello de Ames para a mellora do viario que une o lugar de Coira co polígono industrial do Milladoiro, así como para arranxar un paso elevado que está situado na rúa Palmeiras. O goberno municipal pretende habilitar un novo punto de acceso ao polígono do Milladoiro para evitar o tránsito de camións polo núcleo urbano do Milladoiro. Ademais, melloraríase a circulación de acceso a dito parque empresarial dado o incremento do movemento empresarial que está experimentando este polígono.

Esta axuda foi solicitada por segundo ano consecutivo pero Ames está en lista de agarda, polo que se lle expresou ao conselleiro a necesidade de abordar este proxecto para a mellora do sector empresarial. Trátase dunha achega de 70.000 euros que sufragaría o 80% das obras que teñen un orzamento de 87.000 euros.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames tramita un acceso al polígono y más obradoiros"