- Tematica
O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís, mantiveron este martes, 23 de xullo, unha xuntanza co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, na propia Secretaría Xeral en Santiago de Compostela. O encontro serviu para establecer unha primeira toma de contacto e que o secretario xeral coñecera de primeira man a realidade de Ames no ámbito deportivo, coas súas potencialidades e necesidades. Unha das demandas trasladadas foi a posibilidade de ampliar o pavillón polideportivo de Bertamiráns, como se ven reclamando de forma insistente dende o Consello Municipal de Deportes.
José Ramón Lete tivo ocasión de coñecer a realidade deportiva de Ames na xuntanza que ven de manter co alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís. Dende o goberno municipal aproveitaron esta primeira toma de contacto para facer unha radiografía do deporte amesán, nun concello que segue a medrar e que conta cunha media de idade moi nova. Así, trasladouse o incremento que se ven dando ano tras ano nas escolas deportivas municipais, así como a existencia de máis de 60 clubes en numerosas disciplinas deportivas.
Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o encontro serviu “para establecer un primeiro contacto co secretario xeral para o Deporte e que coñecera de primeira man a forte aposta que se fai dende o Concello de Ames pola práctica deportiva, coas súas potencialidades pero tamén coas súas necesidades. Neste sentido, aproveitamos o encontro para solicitar financiamento para a ampliación do pavillón polideportivo de Bertamiráns, como se ven reclamando dende o Consello Municipal de Deportes”.
O Goberno quere poñer en marcha un plan de investimento a curto, medio e largo prazo polo que esta visita tamén serviu para poñer en común outros moitos proxectos que desde Ames quérense poñer en marcha como o arranxo dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns ou a adecuación da zona de atletismo no campo de Biduido e que na actualidade xa está a ser utilizado polo club Millaraio para adestrar. José Ramón Lete comprometeuse a estudar as demandas presentadas e mirar se é posible establecer algún tipo de colaboración para este ou outros proxectos, priorizando naquel que o propio Consello de deportes de Ames ten demandado como mais urxente, como é a ampliación do pavillón de Bertamiráns que permita unha maior distribución dos horarios de uso desta intalación, tanto para as escolas deportivas, como para os clubs de Ames.