- Tematica
Esta mañá o goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2020, que ascende a cifra de 27.370.000 euros, incrementando en 1.370.000 euros (5,29%) respecto do presuposto de 2019. Trátase do maior orzamento municipal que presentou o Concello de Ames. Recolle un forte compromiso nos capítulos de investimentos, desenvolvemento dos servizos básicos, e blinda as áreas de educación e servizos sociais. Este luns, 17 de febreiro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, na que se emitiu ditame favorable, coa finalidade de debater a aprobación inicial de dito Orzamento municipal nun pleno extraordinario que se celebrará o próximo xoves 20 de febreiro. É o cuarto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017.
Esta mañá o goberno municipal presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2020. Interviron o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, voceira de Contigo Podemos e terceira tenente da Alcaldía, Genma Otero, o voceiro do BNG e primeiro tenente da Alcaldía, David Santomil, e o voceiro do PSdeG e segundo tenente da Alcaldía, Blas García. Tamén acudiron a dita presentación varios/as concelleiros/as do goberno municipal. As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 5.555.202,92 euros (20,30%); educación con 4.817.239,45 euros (17,60%); urbanismo con 2.386.505,90 euros (8,72%) e servizos sociais con 2.235.311,27 euros (8,17%). Estas catro áreas supoñen o 55% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos.
Dende principios de ano o goberno municipal mantivo diferentes xuntanzas cos diferentes grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos, para a aprobación do Orzamentos municipal de 2020 do Concello de Ames. O goberno municipal tamén negociou en Mesa Xeral de Negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao Capítulo I de persoal. Este punto foi aprobado por maioría en Mesa Xeral de Negociación.
Unha vez rematado este proceso de negociación, convocouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas para este luns, 17 de febreiro, ás 14:00 horas, emitindo ditame favorable á aprobación do Orzamento 2020, coa finalidade de debater e levar a aprobación inicial de dito Orzamento municipal nun pleno extraordinario que se celebrará este xoves 20 de febreiro. Tratase do cuarto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende o ano 2017. En abril de 2017 aprobouse un novo orzamento municipal, despois de que o presuposto de 2012 estivese prorrogado ata ese momento. Posteriormente, houbo novos orzamentos en abril de 2018 e marzo de 2019. Neste exercicio adiántase a aprobación do novo presuposto un mes máis presentándoo este mes de febreiro.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, destacou que se trata do “orzamento de maior contía que se presenta no Concello de Ames. Neste presuposto vólvense a blindar a prestación dos servizos sociais e servizos de educación e conciliación. Nesta área social destaca o incremento das partidas dedicadas á renda social municipal e ao servizo de axuda no fogar, no que se incrementan as horas de prestación e a súa contía considerablemente coa nova licitación. Destacar tamén a contía dedicada a políticas de emprego, cun 63,2% máis respecto do anterior presuposto, e a partida de investimentos que superará os cinco millóns de euros, na que inflúen as axudas de fondos FEDER que conseguimos da Unión Europea, a través do plan Impulsa Ames da EDUSI e do proxecto de eficiencia enerxética no rural do IDAE. Tamén destacar que este ano dentro do capítulo de investimentos se inclúe a ampliación do pavillón de Bertamiráns”.
A concelleira de Economía e Facenda, voceira de Contigo Podemos e terceira tenente da Alcaldía, Genma Otero, explicou que é “un orzamento sustentable, equilibrado e enmarcado nun escenario mínimo de débeda coas entidades bancarias de 535.022,79 euros, adicando tan só un crédito de 16.717,17 euros ao pago de intereses e amortización de débeda bancaria neste exercicio 2020. Este é o cuarto orzamento municipal que presentamos para a súa aprobación. Este ano, respecto do exercicio 2019, continuamos adiantando a súa presentación nun mes. Agardamos que para 2021 se poida presentar no mes de xaneiro. Partimos dun orzamento prorrogado de 2012 de 23 millóns de euros, que herdamos en 2015 cando chegamos ao goberno, orzamento que fomos incrementando ano tras ano, ata chegar a cifra actual de orzamento de 27.300.000 euros, co cal se incrementou en 4,3 millóns de euros nos últimos cinco anos (un 18,68% máis)”.
Principais áreas de gasto
O Orzamento de 2020 recolle un importante reforzo da área de servizos básicos (benestar comunitario) cunha forte aposta de investimentos no rural e cun crédito total asignado de 5.555.202,92 euros, representando a primeira área en importancia cunha porcentaxe sobre o total do orzamento de 20,30%. Nesta área están incluídas, entre outras actuacións, diversas obras de saneamento, ligadas ao Ciclo Integral da Auga, por valor de 600.000 euros. Tamén se inclúe crédito para a elaboración dun Plan director do Ciclo Integral da Auga e o crédito necesario para realizar o estudo para a constitución dunha empresa pública de xestión do servizo.
Ademais, está recollida nesta partida de servizos básicos a anualidade correspondente á subvención concedida polo IDAE, dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, e financiada con fondos FEDER da Unión Europea, así como a partida que achega o Concello de Ames. O importe total da actuación ascende a 1.470.000 euros. En 2020 efectuarase un gasto de 174.000 euros (34.800 euros de fondos municipais e 139.200 euros de fondos Feder). Desenvolverase un proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Nesta partida orzamentaria de servizos básicos tamén están incluídas o resto de actuacións e investimentos en alcantarillado, abastecemento, limpeza viaria, recollida de residuos, alumeado público, etc.
Ames é un dos concellos galegos que máis inviste na área de educación aproximándose ao 20% do total do orzamento municipal. No presuposto de 2020 vólvese a reforzar esta área cun crédito total asignado de 4.817.239,45 euros, representando a segunda área de importancia no tocante ao crédito dentro do orzamento. Esta área representa unha porcentaxe do 17,60% do presuposto total, na que se inclúe a ampliación de prazas de comedor escolar, así como a mellora e reforzo dos servizos de conciliación e mailo deseño do proxecto da cociña central.
Ademais, en dito presuposto continúan blindando a área de servizos sociais cun crédito asignado a área social e á promoción social de 2.235.311,27 euros (8,17%). Deste xeito, séguese a blindar a Renda social municipal e as axudas de emerxencia, incrementando esta renda ata os 200.000 euros, así como ampliando as horas de prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ampliando e reforzando os diferentes programas de servizos sociais como son os programas Amessán, Sanauga, etc.
O maior incremento con respecto ao ano pasado é para as políticas de emprego, cun 63,2% máis. O Concello destinará 1,2 millóns de euros a subvencións e axudas, onde os Servizos Sociais suporán o 53% e o deporte e a cultura o 33,8%. O 56% dos ingresos municipais recaen polos impostos e as taxas, que se incrementan polo número de usuarios/as. Os ingresos correntes pola obtención de fondos doutras Administracións supoñen o 32% (8,7 millóns de euros).
O voceiro do BNG e primeiro tenente da Alcaldía, David Santomil, dixo “este orzamento é resultado do dialogo e da participación; primeiro entre os diferentes grupos políticos que formamos o grupo de goberno e despois a través das diferentes roldas de contactos que se mantiveron cos grupos da oposición e cos representantes do persoal municipal na Mesa Xeral de Negociación. Trátase dun presuposto moi importante que supera os 27 millóns de euros e que repercute na mellora de servizos públicos para a veciñanza amesá. Isto permite que moita xente se interese en Ames para establecer a súa residencia ou para vir a traballar ao noso concello. Estes tamén son uns orzamentos que fomentan a cultura da coalición entre tres forzas políticas que levamos demostrando dende o ano 2015 que traballamos en beneficio dos intereses dos veciños e veciñas”.
O voceiro do PSdeG e segundo tenente da Alcaldía, Blas García, incidiu en que “este goberno que comezou a traballar hai algo máis de catro anos leva demostrado que é un grupo unido e único, que ten o mesmo obxectivo que é mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ames. Este traballo sustentase en tres piares que son a estabilidade que se demostra coa presentación destes cuartos presupostos nun período inferior a 5 anos; previsión de futuro, xa que este presuposto recolle actuacións de cara ao futuro como son o plan director e o estudo de municipalización do Ciclo integral da auga; e a prosperidade, xa que Ames estase convertendo nunha referencia dentro do municipalismo galego”. Blas García tamén dixo que no vindeiro mandato o goberno municipal traballará no desenvolvemento urbanístico e para iso inclúese unha partida no orzamento deste exercicio.
Importante partida para o capítulo I de persoal
No presuposto de 2020 tamén se continúa apostando e reforzando o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I de persoal a cifra de 8.870.000 euros, representando o 32,43% do orzamento municipal. Increméntase en 470.000 euros (5,59%) a cifra de dito capítulo respecto do presupostado en 2019. Inclúense os incrementos salariais (2% + 0,30% para a revisión dos complementos específicos e 30.000 euros para adecuacións retributivas singulares). Trátase dunha partida específica para a negociación dos complementos específicos na segunda fase de negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Tamén se dotou dun fondo de continxencia de 42.342,52 euros, incluído no capítulo 5 que recolle o incremento salarial do 1% adicional condicionado ao incremento do PIB en 2,5 desde o mes de xullo.
Forte incremento do capítulo de investimentos
Ademais, faise un forte esforzo en investimentos (Capítulo VI) que acada a cifra de 5.110.000 euros, incrementándose nun 15,81% respecto do exercicio anterior. Inclúense un crédito de 1.400.000 euros para actuacións previstas no Plan Impulsa Ames, que se enmarca dento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) do Concello de Ames. Dito proxecto está financiado con fondo europeos FEDER. Ditas actuación desenvolveranse nas áreas de mobilidade urbana, urbanismo e sociedade da Información.
Asemade, faise un importante reforzo de investimentos en todas as áreas municipais: seguridade, vías públicas, alumeado público, parques e xardíns, medio ambiente, fomento do emprego, educación, cultura, instalacións deportivas, camiños veciñais, estradas, sociedade da información, comunicacións internas e patrimonio.
Así, no plan de mantemento dos núcleos do rural investiranse 120.000 euros; para mellorar e ampliar o pavillón municipal de Bertamiráns elaborouse un proxecto plurianual cun importe de 500.000 euros (para este exercicio reservouse un crédito de 200.000 euros); para o arranxo das Casas da Cultura reserváronse 114.000 euros, para os anfiteatros e parques de calistenia existe unha partida de 92.000 euros; para a posta en marcha dun espazo Coworking dedicaranse 500.000 euros.
Para a execución de diferentes actuacións do Plan Impulsa Ames, enmarcado na EDUSI, reservase unha partida de 119.000 euros para a realizar un estudo sobre o transporte municipal e o servizo de taxi baixo demanda; 500.000 euros para a creación da améndoa central en Bertamiráns; 100.000 euros para a segunda zona verde no Milladoiro; e 155.000 euros para a dotación de espazos e equipamento do Centro Xove.
Por último, hai que salientar o reforzo, mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II que supera os 12.000.000 euros, representando un 44% do orzamento municipal, incrementando en 330.000 euros (2,83%) respecto do orzamento de 2019.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames eleva el presupuesto a 27 millones y potencia conciliación y el área social"
El Correo Gallego: "Ames une la subida del IBI al aumento de la inversión"
Lindeiros: "Ames presenta un orzamento que alcanza os 27 millóns de euros"
Compostela 24 horas: "27.370.000 euros para o exercicio 2020 en Ames"