Pestanas principais

O goberno municipal prevé consolidar o programa de conciliación Entroido Lúdico

Mércores, 10 de febreiro de 2016

[10-02-2016] Nestes días de vacacións de Entroido e peche dos centros escolares séguense escoitando berros e risas no CEIP da Maía de Bertamiráns. Son os dos participantes da primeira edición do Entroido Lúdico, unha iniciativa creada para axudar as familias amesás a conciliar vida laboral e familiar que, como explicaba o concelleiro de Educación David Santomil, "esperamos ampliar a partir do ano que vén, á vista da boa acollida desta primeira convocatoria".

Yago e María son dous dos monitores que se encargan de coidar dos 27 nenos e nenas que, entre os días 8 e 10 de febreiro, pasan as súas mañás no CEIP da Maía. Yago admite que a considera "unha boa iniciativa", sobre todo tendo en conta "a realidade de moitas familias, que non contan coa axuda de avós e avoas nos que te soes apoiar un pouco nestas datas" e que poden así deixar os seus pequenos e pequenas nun lugar "onde veñen aprender e pasalo ben". Ambos monitores confesan que o pasan "moi ben coa rapazada". María explica que ao tratarse de datas de festa "os nenos veñen disfrazados e o ambiente é máis distendido". Canda eles traballan, ademais, outros dous monitores que se encargan cada un dos dous nenos con necesidades específicas que participan no Entroido Lúdico.

Os nenos e nenas teñen entre 3 e 12 anos e, neste programa decidiuse organizar un único grupo de idades , o que para Yago "é un aspecto positivo para eles , porque os maiores axudan aos peques e aprenden os uns dos outros". No Milladoiro os participantes, 20 nenos e nenas, realizan as actividades e obradoiros na Escola Infantil situada na Travesía do Porto.

Princesas, personaxes de Star Wars, unha abella roqueira...os nenos e nenas xogan tras rematar un dos obradoiros que se levaron a cabo: crear unha careta de pantalla. As xa rematadas vanse colocando nunha mesa para que sequen a pintura e o pegamento e un grupo de nenos dálle os últimos toques ás súas. Explican que os monitores "contáronos o que son as pantallas" e que non só aprenderon sobre estes disfraces típicos da Limia, senón tamén sobre outra das vestimentas de Entroido, a dos xenerais do Ulla. Para Yago e María "é importante que aprendan, ademais de que xoguen, un pouco máis sobre a nosa cultura e as nosas tradicións nestas festas".

O que máis lles gusta aos pequenos, máis que pintar e debuxar, é ir ao patio xogar despois da merenda "que lles damos sobre as once da mañá, máis ou menos". Aínda que estes días nunca chegue a escampar nenos, nenas e monitores refúxianse no patio cuberto do recreo para os xogos. Neste último día os monitores agocharán as máscaras dos peliqueiros en distintas zonas do patio; mentres que un grupo intentará atopalas o outro perseguiraos cunhas botellas de plástico que evocan as vexigas das pantallas. "Pásano ben e chegan con fame á hora do almorzo" que tamén se sirve no propio centro escolar aos nenos e nenas daquelas familias que o solicitaron.

O Entroido Lúdico organizarase así de forma permanente "vista a necesidade que Ames ten dun programa así, no que é pioneiro " e unirase aos restantes programas Lúdicos do ano. David Santomil afirma que dende o Concello "sentímonos moi satisfeitos, agradecemos moito a labor dos monitores e monitoras. Seguiremos, ademais, contando con monitores que atendan indivi du almente a nenos con necesidades específicas"


Contido relacionado


O novo concilia Entroido Lúdico vai consolidarse ante o éxito colleitado